Uns 4.000 nenas e nenos de infantil e primaria participarán nos obradoiros Da Escola á Granxa

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Uns 4.000 nenas e nenos de infantil e primaria participarán nos obradoiros e visitas “Da Escola á Granxa”, de Medio Rural da Deputación
da escola a granxa programa deputacion
19 Xuño 2023

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe  a resolución da convocatoria do programa, que prevé máis dun centro de actividades nunha trintenta de granxas e producións agroalimentarios do rural.

Medio Rural da Deputación de Lugo financiará 106 obradoiros e visitas a granxas e proxectos de emprendemento no rural no marco da segunda edición do programa Da Escola á Granxa. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe  -19 de xuño- a resolución provisional da convocatoria, coa listaxe das 40 asociacións de nais e pais que se benefician das actividades, pensadas para achegar as novas xeracións ao rural, amosando a importancia do sector primario para a produción de alimentos saudables, a conservación do medio ambientes e da cultura tradicional.

A área dirixida por Mónica Freire investirá 80.000 euros nesta nova edición do programa, financiando os gastos relacionados coas actividades nas que participarán preto de 4.000 alumnos e alumnas dos colexios de Becerreá, A Pobra do Brollón, Triacastela, Oural (Sarria), Monterroso, Santa Rita de Galdo e Lois Tobío (Viveiro), Terra Chá de Román, Insúa Bermúdez e Mato Vizoso (Vilalba), Riotorto, Xove, Samos, Casás, Xermade, Outeiro de Rei, O Páramo, Pantón, Palas de Rei, O Cantel e Nº 1 (Foz) , Alfoz, Quiroga, Guntín, Ribadeo, A Pastoriza, Bretoña, Castro de Rei, O Incio, Taboada, Bóveda, Monforte, Paradela, Muras, Barreiros e A Milagrosa, Lousada, As Mercedes e Santa María (Lugo).

As anpas elixiron nun amplo catálogo educativo que inclúe 29 granxas, repartidas por toda a provincia, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas, ademais de obradoiros de educación ambiental impartidos pola asociación ecoloxista Adega nos propios centros.

Mónica Freire destacou “o crecemento do programa,con esta segunda edición na que duplicamos o orzamento, ampliamos e renovamos o catálogo educativo incorporando novas granxas ao proxecto e ofrecemos referentes de proxectos produtivos e de vida no rural a máis nenas e nenos” e amosou a súa satisfacción “por ter posto en marcha a iniciativa, abrindo un camiño novo dentro das políticas que se viñan desenvolvendo desde a Deputación de Lugo con respecto ao rural, facendo un traballo para o futuro contribuíndo a que nenas enenos teñan unha percepción positiva da vida no rural e sexan conscientes da súa contribución económica, ambiental e cultural á sociedade”.

Coa publicación da resolución provisional ábrese un prazo para corrixir posibles erros. Completado ese procedemento, establecerase o calendario das actividades, dacordo coas preferencias e a dispoñibilidade de colexios e granxas.

Novas granxas no proxecto

A deputada de Medio Rural agradeceu a colaboración das granxas e producións agroalimentarias que participan no programa, que este ano contaba con novas incorporacións respecto a edición pasada. Son , en total, 29 proxectos de emprendemento: A Casa Labradela de Xove, Galletas Daveiga de Chantada, Fraga do Coto de Vilalba, Fundación Terreo da Ribeira de Piquín, Gandería Alejandro Salvatierra de A Pontenova, Gandería Quintián do Páramo, Gandería Lois Varela de Palas de Rei, Granxa Aeiroá de Láncara, SAT Lodos e Pérez de A Pastoriza, SAT O Palomar de Láncara e Traloagro de Friol, que participaron por primeira vez nesta edición.

Súmaronse a outros proxectos que xa recibiron visitas na pasada edición: Airas Moniz de Chantada, Arqueixal de Palas de Rei,  Cooperativa A Carqueixa de Navia de Suarna, Embutidos Suarna de Navia de Suarna, Sen Máis – As Vacas de Ulloa de Palas de Rei, Terras da Mariña – IXP Faba de Lourenzá,  Tropic Gaia de Xove,  Caurelor de Quiroga, A Casa da Fonte de Pantón, Avicava Natur de Guntín, Casa Bértolo de Friol, Champivil, El País del Abeyeiro de Negueira, Granxa da Caldaloba de Cospeito, Granxa Teixeiro e Pistón de Becerreá, Milhulloa de Palas de Rei, Pazo de Vilane de Antas de Ulla e Muvicla.

0.20741701126099