Unha trintena de mozos participan nas actividades de verán da Casa da Xuventude de Burela

AMariñaXa
A programación, que combina xogos, deporte, robótica e matemáticas para participantes de 12 a 18 anos, finalizará este xoves 27 de agosto
burela-robotica-actividades-veran-2026
25 Aug 2026

A Casa da Xuventude de Burela encara os últimos días do seu programa de actividades de verán, unha iniciativa que desde o pasado 13 de xullo ofrece á mocidade alternativas de lecer, aprendizaxe e convivencia durante as vacacións. Unha trintena de rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos participan habitualmente nas diferentes propostas.

A programación está organizada pola Tenencia de Alcaldía de Burela coa colaboración da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As actividades desenvólvense de luns a xoves e concluirán este xoves, 27 de agosto.

A oferta combina propostas lúdicas, deportivas e formativas. Ao longo destas semanas celebráronse sesións de xogos tradicionais e fútbol na rúa, ademais de obradoiros de robótica e matemáticas cos que se busca achegar aos participantes novos coñecementos dunha maneira práctica e entretida.

O deputado de Mocidade, Daniel García, e o tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, visitaron unha das sesións, durante a que os participantes estaban a traballar na construción e programación de robots.

Pillado destacou a boa acollida da iniciativa, que permite que "as rapazas e rapaces pasen unhas horas entretidas durante o verán e tomen contacto con actividades novas, que poden interesarlles e serlles de utilidade tamén de cara ao futuro".

O tenente de alcaldesa incidiu tamén na importancia de achegar a poboación máis nova á Casa da Xuventude. Segundo explicou, o centro dispón doutros espazos destinados ao lecer e á convivencia que poden utilizar durante todo o seu horario de apertura.

Pola súa banda, Daniel García valorou "o compromiso da Tenencia de Alcaldía de Burela polas políticas centradas na infancia e mocidade", que, segundo sinalou, se traduce nunha programación específica ao longo de todo o ano.

O deputado provincial destacou tamén a importancia de atender as demandas das xeracións máis novas nun municipio como Burela, que se sitúa entre os concellos cunha maior porcentaxe de poboación nova da provincia.

A área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 20.000 euros ao Concello de Burela para financiar actividades destinadas á infancia e á mocidade ao longo do ano. Ademais da programación estival, esta colaboración inclúe as propostas de participación infantil da II Semana da Infancia, prevista entre o 19 e o 23 de outubro.

0.14337491989136