Unha trinta de deportistas inician en Cervo o II Campus de Verán de Natación Artística da Federación Galega de Natación

O Concello de Cervo será esta semana a sede do II Campus de Verán de Natación Artística, unha iniciativa organizada pola Federación Galega de Natación (FEGAN), en colaboración co Concello, que se celebrará na Piscina Municipal de Lieiro desde este martes ata o sábado.
O campus foi presentado polo concelleiro de Deportes, David Rodríguez, e polo presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión. A actividade está dirixida a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2015 que estean federados e practiquen a disciplina de Natación Artística.
As sesións estarán coordinadas pola directora técnica da FEGAN, Sandra Montes, e pola adestradora Candela Fidalgo. Ao longo de cinco días, os 32 participantes que ocuparán as prazas dispoñibles combinarán adestramentos técnicos con actividades lúdicas nun programa que inclúe pensión completa e que ten como obxectivo favorecer tanto o perfeccionamento deportivo como a convivencia entre os mozos e mozas.
O concelleiro de Deportes amosou a súa satisfacción por que Cervo volva acoller unha actividade destas características. “É unha enorme satisfacción que a Federación Galega de Natación aposte de novo polo noso municipio para celebrar este campus, recibiremos nestes días a deportistas e as súas familias, o que supón unha importante dinamización para a nosa vila e unha oportunidade para dar a coñecer todo o que Cervo ten que ofrecer”, sinalou.
Rodríguez destacou tamén a importancia da colaboración entre administracións e entidades deportivas. “Desde o Concello seguimos convencidos de que a cooperación é fundamental para facer realidade iniciativas coma esta, que enriquecen a nosa programación, fomentan o deporte base e contribúen a achegar disciplinas tan atractivas e esixentes como a natación artística á cidadanía e, especialmente, á mocidade”.
Así mesmo, o edil agradeceu á Federación Galega de Natación a confianza depositada unha vez máis no municipio e asegurou que “seguiremos traballando para que Cervo continúe sendo un referente na organización de eventos deportivos de calidade, que xeran actividade, promoven hábitos saudables e proxectan a imaxe do noso concello máis aló das nosas fronteiras”.