Unha nova caseta de madeira amplía as zonas de xogo no CEIP Península da Paz

AMariñaXa
O proxecto "Peace and Calm Hut" incorpora unha pequena caseta de madeira ao patio de Educación Infantil a través do voluntariado e a colaboración entre Concello, centro educativo e empresa
Cervo-plan-acción-península-Paz
7 Oct 2026

O Concello de Cervo, o CEIP Península da Paz e persoal voluntario de Alcoa uniron esforzos para desenvolver unha nova actuación no marco do Plan ACCIÓN. Neste caso, o proxecto, denominado "Peace and Calm Hut", permitirá crear un novo espazo destinado ao xogo e ao desfrute do alumnado de Educación Infantil.

A iniciativa contempla a instalación dunha pequena caseta de madeira no patio do centro educativo, coa finalidade de ampliar as posibilidades de uso deste espazo exterior e ofrecer ao alumnado unha nova zona para desenvolver actividades de lecer.

Na xornada de traballo participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; persoal voluntario de Alcoa, coordinado por Zaloa Blanco, e representantes do CEIP Península da Paz, entre eles o director, Luis Escolar. Os empregados e empregadas da factoría encargáronse de diferentes tarefas relacionadas coa montaxe e acondicionamento da estrutura.

Entre os traballos realizados polo persoal voluntario estiveron a colocación da tela asfáltica e a aplicación de lasur sobre a madeira, labores necesarias para completar a instalación da caseta e mellorar a súa conservación.

Previamente, o Concello de Cervo realizou as actuacións necesarias para preparar o patio e executar unha nova cimentación que permitise instalar correctamente a estrutura. Deste xeito, a administración local colaborou directamente na preparación do espazo para facer posible o desenvolvemento do proxecto.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, puxo en valor a colaboración entre as diferentes partes implicadas e destacou a importancia de "seguir sumando esforzos entre as administracións, a comunidade educativa e o tecido empresarial para mellorar os espazos dos nosos centros e, sobre todo, para que o alumnado dispoña de contornas máis atractivas, acolledoras e adaptadas ás súas necesidades".

Desde o Concello agradeceron a implicación de Alcoa e do CEIP Península da Paz nesta nova edición do Plan ACCIÓN. A iniciativa permite impulsar diferentes melloras nos espazos educativos do municipio a través da colaboración e do voluntariado.

0.14470195770264