Unha horta ecolóxica de Trabada súmase á formación de novos agricultores co Programa Cultiva

Unha explotación dedicada á produción hortícola ecolóxica en Fórnea, Trabada, forma parte da rede de granxas e explotacións modelo nas que novos profesionais do sector agrario poderán completar a súa formación práctica a través do Programa Cultiva. A iniciativa do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou a explotación acompañada polo alcalde de Trabada, Rubén García, para coñecer o proxecto de Breogán e Sergio, responsables dunha cooperativa cuxa produción se comercializa maioritariamente en establecementos próximos á propia aldea de Fórnea.
A previsión é que esta horta reciba o próximo mes de maio unha persoa beneficiaria do programa, que poderá coñecer de primeira man o funcionamento da explotación e adquirir coñecementos aplicables posteriormente á súa propia actividade.
Cultiva ofrece estancias formativas de entre 5 e 14 días en explotacións modelo de diferentes puntos de España. Poden participar profesionais agrarios titulares dunha explotación de ata 40 anos, así como maiores de 41 que se instalasen no sector nos últimos cinco anos.
O programa busca facilitar aprendizaxe práctica sobre cuestións técnicas e de xestión e favorecer o relevo xeracional no campo. "Dende o Goberno mantemos unha clara aposta polo sector primario, fundamental para a nosa provincia, capaz de xerar emprego e impulsar a economía, ao tempo que axuda a fixar poboación nos nosos municipios", destacou López.
A subdelegada animou ás persoas interesadas a presentar a súa solicitude antes do 15 de setembro, data na que remata o prazo. O Goberno asume os gastos de aloxamento, manutención e transporte dos participantes durante as estancias.
Na provincia de Lugo participan 22 explotacións modelo de acollida. Ademais de Trabada, están situadas na Pontenova, Chantada, Friol, Carballedo, Ribeira de Piquín, O Incio, Ribadeo, Becerreá, Vilalba, Outeiro de Rei, Triacastela, O Corgo, Pantón, Mondoñedo, Begonte e Negueira de Muñiz. Cada unha dispón dun responsable encargado de transmitir a súa experiencia e coñecementos técnicos aos participantes.