Unha escapada rural coa pescada de Burela
Escapada Rural, o maior buscador online de aloxamentos rurais de España e Portugal, volve propoñer esta fin de semana unha serie de aloxamentos rurais do interior de España que ofrecen receitas especiais de pescada do pincho de Burela para celebrar a escapada de San Xoán.
Trátase da última acción promocional da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, que completa así a súa campaña de primavera 2021 na que levou a Merluza de Burela a dez casas da rede de aloxamentos de Escapada Rural en toda a península.
En Semana Santa as accións dirixíronse a casas rurais de Castela e León, Castela A Mancha, Extremadura e Cataluña. Coincidindo coas Letras Galegas, a mediados de maio fíxose unha promoción en diferentes puntos de Galicia.
E nesta fin de semana a pescada do pincho de Burela chega a aloxamentos das dúas Castelas e Extremadura, podendo degustarse en La Posada de los Sentidos (Jarandilla de la Vera, Cáceres), Castillo de la Riba (Riba de Santiuste, Guadalajara) e na Casa Rural La Irvienza (Martín Muñoz de las Posadas, Segovia).
"Aproveitar o auxe do turismo de interior en España combinándoo co mellor da gastronomía mariñeira de Galicia" é o grande obxectivo desta unión entre os produtores pesqueiros de Burela e o portal de viaxes, que desde finais de 2020 colaboran ofrecendo paquetes conxuntos dentro da súa campaña global Eu Como Peixe, dirixida a tódolos ámbitos de poboación, promocionando o consumo de peixe como base duns hábitos de vida saudable e facendo chegar a pescada de Burela moito máis alá das costas galegas.