Unha ducia de persoas participa en Lourenzá nunha xornada de reparación para combater o desperdicio

AMariñaXa
A iniciativa de amarinha.gal, celebrada na Biblioteca Maravilhas, permitiu recuperar máis da metade dos aparellos e obxectos levados polos participantes e reivindicou o dereito á reparación
Soberanía-dixital-amariña.gal
21 Oct 2026

A Biblioteca Maravilhas, en Arroxo, Vilanova de Lourenzá, acolleu o pasado sábado 17 de outubro a XIII sesión do ciclo Soberanía Dixital, unha xornada de reparación colectiva inspirada no modelo internacional "Repair Café". A actividade, organizada por amarinha.gal coa colaboración de Enxeñería Sen Fronteiras (ESF) e da propia biblioteca, reuniu doce persoas arredor dun obxectivo común: prolongar a vida útil dos obxectos e reducir o desperdicio de recursos.

Durante o encontro, os participantes traballaron na reparación e posta a punto de diferentes aparellos e obxectos. Entre eles había unha bicicleta eléctrica, un reloxo, un proxector e un teléfono móbil, ademais de pezas de roupa que precisaban ser renovadas. Máis da metade dos casos remataron con éxito, aínda que a porcentaxe de reparacións foi inferior á rexistrada nunha xornada anterior celebrada no CIFP de Ribadeo.

A sesión non se limitou a quen levou obxectos para arranxar. Outras persoas achegaron os seus coñecementos e métodos para colaborar nos traballos, nun espazo de aprendizaxe compartida e apoio mutuo. A conversa e o café contribuíron a prolongar o encontro máis alá do horario previsto.

A xornada serviu tamén para repartir un fanzine elaborado por integrantes de amarinha.gal sobre o dereito á reparación e a súa importancia. A publicación pode consultarse na web da organización, en https://blogs.amarinha.gal/.

A actividade coincidiu co Repair Day, unha convocatoria internacional que busca promover a reparación como unha práctica fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis sostible, que aproveite mellor os recursos e reduza o seu impacto ambiental. A iniciativa defende que reparar fronte a substituír contribúe a limitar o desperdicio e a combater o cambio climático, ao tempo que favorece a creación de redes de solidariedade.

Desde amarinha.gal avanzan que o ciclo Soberanía Dixital continuará con novas actividades abertas á cidadanía, aínda que as próximas datas están pendentes de concretar.

0.14540696144104