Unha conferencia afondará nos mitos e realidades da historia de Sargadelos

Mariña Patrimonio continúa coa súa programación cultural cunha nova actividade centrada na historia de Sargadelos, un dos espazos industriais, artísticos e patrimoniais máis relevantes de Galicia. A entidade organiza para o martes 12 de maio unha conferencia que buscará revisar, con mirada histórica, algúns dos relatos construídos arredor deste enclave.
A charla levará por título 'Do marqués ao arcebispo: mitos e realidades na historia de Sargadelos' e será impartida por Xoán Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas na Universidade de Santiago de Compostela e investigador especializado na historia da industria.
A cita terá lugar ás 19.00 horas na sala de actos da Casa da Administración, no Museo Histórico de Sargadelos. Durante a súa intervención, Carmona Badía abordará diferentes etapas e interpretacións vinculadas a este espazo, desde a figura do marqués ata outras visións que contribuíron a conformar a memoria colectiva de Sargadelos.
A conferencia permitirá achegarse con rigor a un lugar clave para comprender a tradición industrial e cultural da Mariña, así como a importancia da conservación e divulgación do seu patrimonio.
Desde Mariña Patrimonio animan a asistir a todas as persoas interesadas na historia, na memoria e na evolución de Sargadelos. A actividade estará aberta ao público ata completar a capacidade da sala.