Unha charla de primeiros auxilios achega formación práctica á veciñanza de Cervo

AMariñaXa
Durante a sesión, as persoas asistentes puideron coñecer pautas e recomendacións para responder ante diferentes situacións de urxencia
curso-primeiros-auxilios-cervo
27 Oct 2026

A Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras de Rúa organizou nas Escolas Vellas unha sesión impartida polo anestesista Francisco Muñoz González, do Hospital Público da Mariña, no marco do novo Plan de Acción de Alcoa.

As Escolas Vellas de Rúa, en Cervo, acolleron unha charla sobre primeiros auxilios destinada a achegar á veciñanza coñecementos básicos para actuar ante posibles situacións de emerxencia. A actividade foi organizada pola Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras de Rúa e estivo impartida polo médico anestesista Francisco Muñoz González, do Hospital Público da Mariña.

Durante a sesión, as persoas asistentes puideron coñecer pautas e recomendacións para responder ante diferentes situacións de urxencia, así como adquirir ferramentas prácticas que poden resultar útiles na vida cotiá. A iniciativa permitiu, ademais, resolver dúbidas e destacar a importancia de saber como actuar mentres se agarda pola asistencia sanitaria especializada.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e a concelleira Mali Méndez achegáronse ás Escolas Vellas para acompañar as persoas participantes e coñecer o desenvolvemento da actividade.

Desde o Concello puxeron en valor o traballo das Mulleres Rurais As Espalladoras na organización de propostas formativas de interese para a comunidade e agradeceron a colaboración do doutor Francisco Muñoz González por compartir os seus coñecementos.

A charla enmárcase no novo Plan de Acción de Alcoa, unha iniciativa que contribúe a impulsar a actividade asociativa e a promover accións formativas e de utilidade social no municipio.

0.10733699798584