Un total de 115 persoas participan na última semana do verán do Coñece a túa provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Cinco colectivos dos concellos de Cospeito, Ribeira de Piquín, Láncara, Cervantes e Begonte viaxan ata o venres á Ribeira Sacra e A Mariña
conece-a-tu-provincia-lugo
O novo equipo directivo do Santo Anxo
17 Xul 2024

Veciñas e veciños de cinco concellos da provincia participarán esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Son en total 115 persoas dos municipios de Cospeito, Ribeira de Piquín, Láncara, Cervantes e Begonte as que, dende este martes e ata o venres, percorrerán o territorio lucense con estas viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade.

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este martes a membros da Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) no Centro de Interpretación de Terras do Miño. Punto de partida do grupo cara á Ribeira Sacra onde coñecerán o Museo do Ferrocarril, o conxunto monumental de San Vicente do Pino, e o Centro do Viño da Ribeira Sacra.

Hoxe será a quenda da Asociación Mulleres Rurais del Chao, de Ribeira de Piquín; e da Asociación de Mulleres Rurais O Noso Lar, de Láncara, que viaxarán á Ribeira Sacra e á Mariña Lucense. O primeiro grupo visitará Sober, mentres que o segundo achegarase ata os municipios de Barreiros e Ribadeo.

Tamén ata á Mariña, concretamente ao concello de Cervo, viaxarán este xoves membros da Asociación Veciñal San Felipe de Balgos, de Cervantes. Os participantes coñecerán a fábrica de Sargadelos e o Museo provincial do Mar desta pequena vila mariñeira.

Así mesmo, e para rematar a semana a Asociación Vecinal Cultural Deportiva San Vicente de Pena, desprazarase á costa lucense onde percorrerán Viveiro para coñecer o casco antigo e o obradoiro de cerámica Regal.

Nesta primeira parte da cuarta tempada, dende que comezou en xuño ata este mes de xullo, son máis de 250 persoas dun total de 11 entidades da provincia as que percorreron Lugo con este programa que a Deputación puxo en marcha co obxectivo de que a veciñanza coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio. As viaxes volveranse a retomar en setembro, e desenvolveranse ata finais de ano, coa participación en total de preto de 2.000 persoas de 80 asociacións da provincia.

O programa Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

0.13525295257568