Un proxecto do CEIP de Cervo acada a segunda mellor valoración a nivel nacional
O proxecto 'Cada Pinga Conta', presentado dentro do programa Agrupacións Escolares, xunto cos centros educativos CRA Lena (Asturias), CEIP Tagoror (Gran Canaria), CEIP de Cervo (Lugo), CEIP Pintor Sorolla (Elda) e o CEP Antonio de Ulloa (Cartaxena), foi aprobado polo Ministerio de Educación coa segunda mellor valoración a nivel nacional.
Cada un dos centros participantes recibirá unha subvención superior aos 10.000 euros para completar o proxecto. Os estudantes de primaria serán os responsables de levar a cabo esta importante iniciativa, que finalizará dentro de dous anos cunha gran mobilidade do alumnado de sexto dos cinco centros educativos durante o mes de xuño de 2026, nunha viaxe aos Pirineos.
A elección da temática do proxecto, 'Cada Pinga Conta', que ademais coincide co Proxecto Documental Integrado do centro para este curso, baséase na necesidade de concienciar á sociedade sobre a importancia dun uso responsable da auga, un dos maiores desafíos do século XXI ao que se enfrontará a sociedade e, por tanto, o alumnado. Ademais, terase en conta a súa integración curricular, dado que a auga é unha parte esencial da química da vida.
A través deste proxecto, contribuirase á adquisición dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. Con todo, o título do proxecto encerra unha metáfora, xa que “Cada pinga conta” fai referencia directa á inclusión de todos os membros das comunidades educativas que forman a agrupación, cun enfoque especial cara ao alumnado máis vulnerable.
O proxecto ten como obxectivo traballar o perfil competencial do alumnado, especialmente no que respecta á competencia lingüística, dixital, social e cidadá. A cooperación territorial ampliará a contorna de aprendizaxe de todos os membros da comunidade educativa, enriquecendo tanto a formación do profesorado como o proceso de aprendizaxe do alumnado da agrupación.
Todo isto levará a cabo mediante a implementación de metodoloxías activas e o fomento de aprendizaxes no ámbito STEAM, desde unha perspectiva integradora e de compensación de desigualdades, na que a inclusión e a equidade serán os principios fundamentais que guiarán a práctica docente e o desenvolvemento deste proxecto.