Un proxecto da Deputación financiará substituir o lucernario da piscina municipal de Foz

Foz
AMariñaXa
O concelleiro de Deportes destaca que é unha "obra moi necesaria para mellorar as condicións e a seguridade"
foz-piscinas
7 Dec 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiará o proxecto de substitución do lucernario da piscina municipal de Foz, impulsado pola área de Deportes do Goberno municipal. O proxecto contempla a retirada da estrutura de ferro galvanizado que sustenta o lucernario da cuberta e a súa substitución por outra de aceiro inoxidable, coa que se pretende dar unha solución definitiva ao deterioro nese punto da cuberta, coincidente co vaso da piscina.

O concelleiro de Deportes de Foz Simeón Neira destacou a importancia desta “colaboración institucional que nos permitirá contratar unha obra moi necesaria para mellorar as condicións de uso e a seguridade na piscina e darlle un novo impulso coa organización de eventos deportivos e outras actividades que permitan aumentar o número de persoas usuarias”.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro enmarcou ese acordo “na colaboración que a Deputación de Lugo mantén cos concellos para atender infraestruturas e equipamentos especialmente cando se trata de dotacións de uso comarcal” e subliñou a importancia de “contar con espazos públicos que favorezan a actividade física e os hábitos de vida saudables”.

A área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegará 80.000 euros para o financiamento desta actuación na que se prevé un investimento total de 85.000 euros.

0.17016696929932