Un obradoiro sobre solo pélvico reforzará en abril a prevención e a saúde feminina en Ourol

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ourol porá en marcha o xoves 23 de abril un Obradoiro de Solo Pélvico, unha iniciativa centrada na saúde feminina e orientada a ofrecer información útil sobre os cambios evolutivos da muller. A actividade desenvolverase no Edificio Multiusos do Concello a partir das 16.30 horas.
A proposta nace en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns e ten como obxectivo mellorar a comprensión sobre esta parte fundamental do corpo feminino, ao tempo que busca contribuír á prevención de enfermidades propias deste colectivo. O taller está pensado como un espazo formativo e práctico no que as asistentes poderán ampliar coñecementos sobre coidado, benestar e prevención.
Desde o Concello salientan a importancia de impulsar accións deste tipo dentro da programación social e sanitaria do municipio, achegando á veciñanza recursos e ferramentas para mellorar a súa calidade de vida. A actividade enmárcase na liña de colaboración entre a administración local e a Escola Galega de Saúde para Cidadáns.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a inscrición no Departamento de Servizos Sociais, chamando aos teléfonos 982 55 91 09 e 677 48 94 57, ou tamén a través da plataforma da Escola Galega de Saúde para Cidadáns.