Un novo aire para a petanca

Por Ana Somoza
A petanca é un deses xogos que, malia a súa aparente sinxeleza, conta cunha historia milenaria. Os gregos do século VI antes de Cristo xa se entretiñan lanzando cantos, e foron os mariñeiros quen espallaron esta práctica pola Galia, onde acabou consolidándose no val do Ródano. En España, comezou a verse nos anos cincuenta, entre 1953 e 1954. Desde entón, avanzou pouco a pouco e, agora, tamén busca abrirse camiño con forza na Mariña lucense da man dun novo colectivo: o Club de Petanca Praia A Rapadoira de Foz.
O Club petanca Praia A Rapadoira é un club de recente creación, promovido por xente do pobo, a maioría deles son xente moza cun forte compromiso por promover o deporte da petanca en Foz e quere transmitir este sentimento. Falamos con Pepe, quen exerce como vicepresidente, “o novo club nace cun aire renovador e con aproximadamente corenta socios”. E iso que aínda están en fase inicial. “Somos poucos, pero esperamos que pouco a pouco se vaia sumando máis xente a este proxecto”.
Entre os primeiros obxectivos que se marcan está a organización dun torneo aberto a finais do verán. “Será probablemente en setembro, quizais a comezos de mes, e celebrarase en Foz”, sinala o vicepresidente. O certame estará aberto a todos os clubs da Mariña e de Galicia. “No último torneo participou xente de Asturias, Galicia e León,... foi bastante variado”, lembra con satisfacción.

A dinámica do club está pensada para adaptarse á vida cotiá dos seus membros. Non hai horarios ríxidos de adestramento. “Falamos entre nós e quedamos para xogar”, conta Pepe. As pistas que utilizan son municipais, de acceso público. “Só hai que reservalas cando hai algo importante, como un torneo ou unha actividade, sobre todo para evitar problemas co uso”, explica.
Polo de agora, o club só conta con categoría de adultos, pero hai unha vontade clara de achegar a petanca á rapazada. “Temos intención de achegar este deporte aos nenos para que se vaian integrando”, sinala, “xa celebramos a primeira actividade nas pistas de petanca cos colexios, e vamos ter máis nos colexios, que isto ben moi ben para dar a coñecela, e que os cativos saiban de este deporte que non é moi común”.
O Club esta aberto a novos socios, calquera persoa que queira facerse socio, pode falar cos membros da xunta directiva.“O único requisito é querer pasalo ben e ter ganas de xogar”, afirma cun sorriso”, salienta Pepe.
O nome do club non é casual. “É o nome da praia máis coñecida de Foz, así que considerámola como algo noso, algo que nos representa”, explica. A Praia da Rapadoira é, en efecto, un símbolo local, e este novo club pretende reflectir ese espírito de pertenza.
Preguntado polo futuro da petanca en Foz e na Mariña, Pepe móstrase optimista: “Eu penso que cada vez vai medrar máis. É un deporte que ten boa acollida”. Pon como exemplo a evolución recente na vila. E non só iso: “Fai pouco houbo un torneo en Lalín con máis de 200 persoas xogando. Iso tamén dinamiza a economía local”, engade.
Pepe tamén explica as particularidades do xogo. “A máis pequena chámase boliche ou pequena. As outras son bolas normais”, di. Cada xogador ten as súas, “e sempre lles poñemos unha marca persoal para diferencialas, porque ás veces son moi parecidas”. As bolas, feitas de aceiro, pesan entre 650 e 800 gramos e teñen un diámetro de entre 7 e 8 centímetros. “Para saber que bola ten usar cada persoa ten que medir a lonxitude da súa man, dende a palma ata a punta do dedo corazón”, puntualiza.
A paixón de Pepe pola petanca é evidente en cada palabra. Pero tamén hai unha visión colectiva, de comunidade. O novo Club de Petanca Praia A Rapadoira nace como unha proposta aberta, inclusiva, popular, que busca recuperar a esencia dun xogo que une xeracións, que non require grandes investimentos e que pode xogar calquera, en calquera lugar.
E como el mesmo conclúe: “Tan só queremos gozar do deporte, facer cousas, darlle vida ao club e que a petanca teña o lugar que merece en Foz”. Así, con humildade, o novo club lanza as súas primeiras bolas co obxectivo de marcar punto nun futuro máis participativo e aberto.