Un mestre do Dionisio Gamallo de Ribadeo lembra o Día da Filosofía

AMariñaXa
Un artigo de opinión de Manel Yáñez Dablanca con motivo desta festividade
opinion-filosofia
21 Nov 2024

Por Manel Yáñez Dablanca, profesor de Filosofía no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo

Como todos os terceiros xoves de novembro de todos os anos desde 2005, este xoves
21 celebramos o Día da Filosofía, unha festividade máis dentro do abultado calendario de conmemoracións da cidadanía contemporánea.

Pero a Filosofía ten una significación especial e máis aínda neste tempos, porque non é unha disciplina ao uso, senón que é a única que contén os valores esenciais que deben rexer a práctica cotiá que posibilita transformar as sociedades e estimulan o diálogo e a cooperación entre os distintos pobos e as distintas culturas.

Nun día como o de hoxe a reflexión libre, razoada e informada debe ser tarefa obrigatoria xa que os cambios tecnolóxicos que estamos vivindo poñen en perigo o noso posto no Cosmos e a responsabilidade que iso conleva. Non só debemos adaptar a nosa actitude senón que debemos cambiar, consecuentemene, a forma de aprender, o modelo de ensino e ampliar tamén os obxectivos que perseguemos no día a día educativo. Unha tarefa importante no mundo actual que supón aprender a distinguir e discernir a verdade e a mentira, porque a información que nos chega está sendo continuamente bombardeada por titulares de “usar e tirar”, por gritos anónimos que pretenden desestabilizar a orde normal das sociedades democráticas.

Formar mentes críticas implica, en definitiva, formar persoas, ou o que é o mesmo, formar cidadanía tolerante e respectuosa cos auténticos fins da Humanidade. Se recoñecemos este auténtico valor da Filosofía seremos capaces de evolucionar nunha liña harmónica que permita un diálogo paralelo de futuro entre a Natureza, que todo o pode, e a Humanidade, que debe facelo posible. Por esta razón hoxe especialmente debemos celebrar desde todos os ámbitos o DÍA da FILOSOFÍA.

 

0.13946199417114