Un libro recupera a historia da traída de auga do século XVIII e reivindica a protección deste patrimonio de Mondoñedo

AMariñaXa
A publicación, presentada na cidade episcopal, analiza a construción da histórica infraestrutura hidráulica, incorpora mapas do seu percorrido e propón varias rutas para descubrir os seus vestixios
presentación-do-libro-Enxeñería-hidráulica-do-século-XVIII-na-cidade-de-Mondoñedo
17 Jul 2026

Mondoñedo acolleu a presentación do libro Enxeñería hidráulica do século XVIII na cidade de Mondoñedo, unha obra editada polo Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación que pon o foco nunha das infraestruturas máis relevantes da historia da cidade: a antiga traída de auga que abasteceu a vila durante máis de dous séculos.

O volume é froito do traballo de investigación desenvolvido por Xurxo Lorenzo, Javi Fouz, Andrés G. Doural, Miguel Chao e Magdalena Domenech, quen afondan na orixe, evolución e valor patrimonial desta obra de enxeñería. A publicación explica como a construción da traída comezou en marzo de 1726 co obxectivo inicial de levar auga aos edificios relixiosos e ás fontes públicas de Mondoñedo, un sistema que permaneceu en funcionamento ata finais da década de 1920.

Ademais do percorrido histórico, o libro ofrece unha detallada descrición dos elementos que aínda se conservan da infraestrutura. A través de mapas, recursos topográficos e documentación gráfica, os autores identifican galerías subterráneas, alxibes, decantadores e outros espazos que formaban parte da rede hidráulica e que hoxe constitúen un importante legado patrimonial.

Durante a presentación, o deputado Daniel García destacou o labor que desenvolve o Servizo de Publicacións da Vicepresidencia para divulgar o patrimonio histórico da provincia e puxo en valor o interese documental desta investigación. Segundo indicou, a obra permite coñecer desde unha perspectiva histórica e patrimonial unha infraestrutura que supuxo un importante desafío técnico para a súa época.

Na mesma liña, subliñou que este traballo editorial contribúe a dar visibilidade a un patrimonio pouco coñecido, mentres que os autores aproveitaron o acto para defender a necesidade de impulsar unha figura de protección que garanta a conservación deste conxunto hidráulico.

A publicación complétase cun mapa histórico do trazado da traída de auga e cunha serie de propostas de sendeirismo que permiten seguir o seu percorrido e descubrir sobre o terreo os vestixios desta destacada obra de enxeñería, achegando así unha nova ferramenta para divulgar a historia e o patrimonio de Mondoñedo.

0.11879396438599