Un grupo de scouts colabora na mellora de espazos públicos de Lourenzá

AMariñaXa
Os participantes no programa axudaron aos servizos municipais a acondicionar e mellorar distintos espazos públicos
scouts-lourenza
11 Jul 2026

Un grupo de mozos e mozas scouts colaborou durante os últimos días cos servizos municipais de Lourenzá en diferentes tarefas de acondicionamento e mellora de espazos públicos do municipio.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, quixo agradecer publicamente o traballo realizado polos participantes, destacando a experiencia de convivencia e colaboración desenvolvida durante a súa estancia na localidade.

“Desde o Concello de Lourenzá queremos expresar o noso máis sincero agradecemento ao grupo de mozos e mozas scout que durante estes días compartiu connosco unha enriquecedora experiencia de convivencia e colaboración. Ao longo da súa estancia, traballaron da man dos servizos municipais, prestando unha valiosa axuda no acondicionamento e mellora de distintos espazos públicos do noso concello”, sinalou a rexedora.

A alcaldesa puxo en valor o esforzo realizado polo grupo e destacou que “o seu esforzo, compromiso, responsabilidade e espírito de servizo son un exemplo dos valores que promove o escultismo e que tanto benefician á sociedade”.

Desde o Concello subliñan que este tipo de iniciativas favorecen a colaboración, a convivencia, o respecto polo entorno e o compromiso coa comunidade, ao tempo que consideran que as actitudes amosadas polos scouts son “dignas de recoñecemento e agradecemento”.

O goberno local expresou tamén o seu desexo de que a experiencia resultase satisfactoria para os participantes e mostrou a súa intención de volver contar coa súa colaboración no futuro.

“Agardamos que esta experiencia fose tan satisfactoria para eles como o foi para nós e confiamos en poder volver contar coa súa colaboración no vindeiro ano, reforzando unha relación que, sen dúbida, resulta moi positiva para todas as partes. Moitas grazas polo voso traballo, pola vosa dedicación e polo exemplo que deixastes en Lourenzá”, conclúe o Concello.

0.10763311386108