Un grupo de 62 persoas da Coruña chegou xa a Foz para realizar inmersións lingüísticas con actividades náuticas

Foz
TerraChaXa | AMariñaXa
Foz acolle a un grupo de 62 escolares e profesores do colexio Calasanz Escolapios, da Coruña, que realizan un campamento en inglés con actividades náuticas nas instalacións do Hostel Áncora.
10 Abr 2019

Foz acolle a un grupo de 62 escolares e profesores do colexio Calasanz Escolapios, da Coruña, que realizan un campamento en inglés con actividades náuticas nas instalacións do Hostel Áncora. Foron recibidos hoxe, martes, polo alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, quen destacou a importancia deste tipo de actividades, que contribúen a desestacionalizar o turismo.

O rexedor municipal manifestou que “é un verdadeiro pracer estar hoxe aquí recibindo a todos estes rapaces que veñen gozar do noso pobo e tamén a aprender inglés, dentro dun programa moi interesante que cremos que é unha actividade máis diferente dentro do turismo que ofrece Foz, neste caso campamentos para aprender inglés e para desenvolver diferentes actividades arredor do mar e das actividades acuáticas. Estamos moi pretiño da ría, do porto e da praia e estas experiencias para os rapaces son estupendas, coñecen o pobo e acábano transmitindo despois aos seus pais; ao final é unha forma moi interesante de seguir facendo turismo. Un pobo como Foz non pode renunciar a ningún tipo de turismo e este é moi interesante, comprometido co medio ambiente, coa actividade náutica e recreativa e por suposto co coñecemento, neste caso co inglés”.

Javier Castiñeira felicitou “ás empresas que participan nesta iniciativa: Escola de Deportes Náuticos da Mariña, Sensación Surf, Maremasma e outras, que entre todos eles fan un paquete de actividades moi interesante. Moitas destas empresas puideron saír adiante grazas ao apoio de subvencións como as do GALP, por parte da Xunta de Galicia, que son moi importantes e lograron que teñamos moitos mellores servizos nos concellos e un cambio fundamental na forma de turismo. En Foz hai 15 ou 20 anos había un turismo única e exclusivamente de aluguer, e agora temos desde autocaravanas ata un dos mellores hoteis da Mariña, pasando por diferentes alternativas. Calquera turista hoxe en día pode vir a Foz e valorar distintas posibilidades para pasar aquí uns días e para repetir”.

O responsable de Ánchor Seacamps, Francisco Moreda López, explicou: “dedicámonos aos camps náuticos con inmersión lingüística. Somos unha empresa, levamos cinco anos, nos que sempre estivemos na busca dunha oferta lúdica para os nenos combinada coa aprendizaxe, neste caso do inglés. Colaboramos con distintas empresas da zona, buscamos sempre transmitir a necesidade do coidado do medio ambiente, dar a coñecer os métodos e valores da pesca tradicional, protexer e coidar a Rede Natura, na que estamos inmersos neste concello. Durante estes anos sempre pretendemos que os nenos cando saian de aquí leven unha experiencia única, que cando vaian cumprindo anos recorden con especial cariño isto, que vexan a Foz como un pobo que os acolleu e os tratou con mimo e coidado. Grazas a este tipo de actividades esperemos que cando os nenos cumpran anos poidan volver visitarnos e celebrar con nosoutros o paso deste tempo. Para este ano 2019 virán uns 650 nenos, acompañados de 50 monitores. Neste campamento concreto hai 62 persoas, que veñen facer varias actividades náuticas, como poden ser a vela tradicional, e unha charla medioambiental sobre avistamento de aves ao longo de todo o recorrido da Rede Natura, co camiño natural. Quero agradecer a colaboración das distintas empresas coas que estamos (Maremasma, Sensación Surf e Language Kingdom), que sen eles isto non sería posible”.

Pola súa banda o director dos programas de inmersión lingüística da empresa asturiana de servizos integrais de idiomas Language Kingdom, Mario Artime, comentou: “las actividades que realizamos son fundamentalmente de mucha comunicación lingüística para que los alumnos puedan desarrollar el idioma que están aprendiendo, que en este caso es el inglés, y luego complementamos con la práctica de deportes como pádel surf y vela. Language Kingdom es una empresa de servicios integrales de idioma, que hacemos todo tipo de viajes relacionados con el aprendizaje de idiomas, fundamentalmente el inglés pero también francés o cualquier otro. En verano hacemos, por ejemplo, un programa en Foz, desde el 26 de junio hasta el 7 de julio”.

E o titor dos escolares de 5º de Primaria do colexio coruñés Calasanz Escolapios que participan neste campamento, Adrián Eguizábal, destacou que “es una buena ocasión para que los niños aprendan otro idioma y lo practiquen, porque en el colegio hay las clases de inglés pero no es el día a día y la supervivencia en inglés, que creo que es la forma de aprenderlo realmente. Además disfrutan de sus compañeros en otro ambiente fuera del colegio, duermen con ellos y comparten muchas cosas estos días”.

0.18413686752319