Un estudo afonda no papel das mulleres na historia e no coidado das comunidades rurais galegas

AMariñaXa
A xornada Coidar o rural, celebrada en Mondoñedo, deu a coñecer os primeiros resultados dunha investigación que combina a memoria veciñal cos achádegos arqueolóxicos de San Vicente de Trigás
xornada-vicepresidencia-Mondoñedo
10 Oct 2026

O papel das mulleres no desenvolvemento e na conservación das comunidades rurais ao longo da historia centrou a xornada Coidar o rural, celebrada no Pazo de San Tomé, en Mondoñedo, coa participación da deputada de Cultura, Iria Castro. O encontro, organizado no marco do proxecto de investigación Coidarq coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, serviu para presentar os resultados preliminares dun estudo sobre os coidados, a memoria e a axencia feminina no rural galego.

O traballo, titulado "Axencia feminina, coidados e memoria: unha aproximación transhistórica ao rural galego desde O Combarro, San Vicente de Trigás, Mondoñedo", analiza a influencia das mulleres na configuración e transformación destas comunidades a partir de testemuños da veciñanza e de persoas vinculadas á parroquia de San Vicente de Trigás.

A investigación está desenvolvida por Celtia Rodríguez, Iria Vázquez e Antía Caramés e combina as perspectivas etnográfica e sociolóxica cos resultados das intervencións arqueolóxicas realizadas en 2023 no lugar de Combarro. Aqueles traballos permitiron avanzar na identificación de restos dunha aldea altomedieval e abriron novas posibilidades para coñecer como se organizaban as comunidades rurais durante ese período.

Durante a presentación, as investigadoras destacaron a importancia do traballo feminino na configuración e preservación das paisaxes, especialmente a través das actividades agrarias, así como a necesidade de incorporar esta perspectiva ao estudo da historia rural.

Iria Castro puxo en valor o enfoque de xénero e a atención á vida cotiá das comunidades rurais que caracterizan o proxecto. A deputada sinalou que iniciativas divulgativas deste tipo contribúen a fortalecer a sensibilidade social cara ao patrimonio e a ampliar o coñecemento da historia propia. Ademais, avanzou que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo continuará colaborando coa investigación en 2027.

A xornada incluíu tamén a proxección dun vídeo resumo dos traballos realizados e contou coa participación de Rebeca Blanco Rotea e Marga Fernández Mier, investigadoras que coordinan proxectos sobre o papel das mulleres na xestión do rural nas universidades do Minho e de Oviedo, respectivamente.

0.16555500030518