Un convenio para solucionar as inundacións do barrio viveirense da Xunqueira

AMariñaXa
Asinado pola Deputación, o Concello de Viveiro e a Xunta de Galicia
depu-Convenio-A-Xunqueira-viveiro
5 Nov 2024

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este luns coa Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto, un convenio de colaboración para dar solución ás inundacións do barrio viveirense da Xunqueira. Este acordo, que se formalizou esta tarde en Santiago na sede do Executivo autonómico, servirá para aumentar a capacidade hidráulica do río Fontecova e terá un investimento conxunto de preto de un millón de euros.

Concretamente, a institución provincial achegará un total de 192.348,73 euros en tres anualidades. Un importe que segundo explicou Tomé Roca servirá para “que este concello mariñán poida afrontar o investimento que pide a Xunta de Galicia para acometer esta actuación tan necesaria e que terá un impacto enorme na vida da veciñanza, evitando traxedias como a vivida no 2018”. Nese sentido, o Concello de Viveiro aportará outros 192.348,74 euros e Augas de Galicia outros 600.000 euros.

“Este novo compromiso, que adquirimos co Concello de Viveiro, enmárcase na nosa política de máxima cooperación cos 67 concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, valorou o mandatario provincial.

Entre as actuacións máis relevantes que contempla o proxecto está prevista: a ampliación do leito do río, con novos muros de contención; a renovación e ampliación da ponte existente pouco máis arriba da estrada autonómica LU-540; a creación dunha obra de drenaxe pegada á ponte medieval Camiño da Fonte; a instalación dunha nova zona verde ao final da rúa na que se situará a fonte pública; e o traslado do actual lavadoiro, que se instalará máis abaixo do curso do río. O prazo previsto para a execución dos traballos é de 8 meses desde que comecen as obras.

O da Xunqueira é un barrio histórico situado en Viveiro que se viu moi afectado pola riada de novembro do 2018, na que faleceu unha persoa. Mediante este acordo, o Concello pretende dinamizar e poñer en valor esta zona que noutro tempo foi un motor económico para a cidade e axudar a fixar poboación a través da súa rehabilitación.

0.16344118118286