De Ribadeo polo mundo: O atleta Jesús López Ares e o maratón como modo de vida

AMariñaXa
Forma parte do Club de Atletismo de Ribadeo e vén de participar no Frankfurt Marathon 2024, o seu 38º maratón
maraton_ribadense_
4 Nov 2024

Por Amanda Fernández

“O maratón para min é un modo de vida, vivo para a familia e para o maratón, toda a miña vida xira en torno a isto”, recoñece sen dubidalo Jesús López Ares, atleta do Club de Atletismo Ribadeo, máis coñecido como Kavarkés. Proba desta paixón é que vén de correr o seu 38º maratón con 55 anos no Frankfurt Marathon 2024. Ía cun obxectivo claro e a vista posta no maratón de Boston 2026: “Neste caso o de Frankfurt era un dos maratóns máis planos e precisaba facer unha marca de tres horas e media cos meus anos para así entrar no maratón de Bostón 2026. Decidín intentalo”.

Recoñece que adestrou como nunca na súa vida e que xa perdeu a conta dos anos que levaba correndo, pero máis de vinte. O maratón prevíase en boas condicións climatolóxicas, sen choiva, con fresco e sendo un dos máis planos. Porén, as cousas non saíron todo o vén que Jesús quería. “Os maratóns son complicados e as pernas non ían ese día como tiñan que ir”, lamenta, pero indica que fixo unha marca de 03:46 sendo “a oitava mellor marca dos 38 maratóns e a mellor que fixo desde hai seis anos e medio”.

CON NOVA YORK COMEZOU TODO

De onde lle vén esta paixón polo maratón? Todo comezou cunha viaxe a Nova York a finais dos 90. Era a primeira vez que visitaba a cidade e coincidiulle que viaxara en outubro e o maratón era en novembro e había bandeiras a modo de anuncio. Nese intre, algo se lle meteu na cabeza: “Quedei impresionado coa cidade e pensei como sería cortar esas rúas para que ti e o resto poidan correr”. Este non foi un simple pensamento condicionado polo momento, xa que cinco anos despois, Jesús marchou para Vigo por traballo e xunto a un compañeiro comezou a adestrar. “Comezamos a correr xuntos e a miña maior ilusión era correr o maratón de Nova York, así comezou todo e ata hoxe”, expresa.

O soño fíxose realidade en 2012 cando Kavarkés correu en Nova York ese soñado maratón, pero de novo xurdiu na súa cabeza unha pregunta: “E agora que? Vou intentar facer as seis Major, as seis principais carreiras do mundo: Nova York, Chicago, Boston, Tokio, Berlín e Londres”. A día de hoxe recoñece que resulta moi difícil entrar nalgúns maratóns, que son por sorteo ou conseguindo fondos para asociacións benéficas. Aínda así desas seis Major xa realizou catro: “Nova York, Chicago, onde fixen a miña mellor marca de 3 horas e 23 minutos, Tokio e Berlín”. Destas o obxectivo a curto prazo é facer esa marca de menos de 3 horas e 30 minutos para acceder ao maratón de Bostón.

UN NOVO OBXECTIVO: AS 23 CIDADES OLÍMPICAS

Jesús podería definirse como unha persoa de retos. Despois de vivir en Vigo trasladouse tamén por traballo a Cataluña onde progresou como corredor “ao ter máis carreiras”. Aló viu que un home estaba correndo os maratóns en todas as cidades que foron olímpicas e botou contas de novo: “Eu tiña París e Roma, son 23 cidades olímpicas diferentes,... “. Pois a día de hoxe xa vai en 19 das 23 cidades e quédalle: Pekín, Melbourne, Sídney e Londres. Destas cidades olímpicas destaca Atenas “onde comezou o maratón con Filípedes”. Explica isto: “O maratón de Atenas, vai desde o pobo de Maratón, onde foi a batalla entre os gregos e os persas, e Atenas, percorrido que fixo Filípedes para anunciar a victoria”.

Actualmente, tras as súas experiencias laborais en Vigo e Barcelona, traballa en remoto desde a súa casa en Ribadeo. Corre coas cores do Club de Atletismo de Ribadeo en todas as carreiras, salvo nos maratóns. Isto ten historia: “Desde Nova York comecei a correr cunha camiseta de Celta, e desde entón levo a mesma en todos os maratóns”. Porén, Jesús recoñece estar moi orgulloso de locer as cores do Club durante o momento previo de recollida de dorsais e no resto de modalidades como corredor. Sinala que fan un labor incrible e que hai rapaces e rapazas que “son impresionantes”.

Que consello lles daría aos máis novos? “Que fagan o que lles gusta, a min gustábame o deporte e viaxar e puiden combinalo. Hai que ter disciplina, manterse lonxe das lesións e desfrutar do camiño para acadar eses soños”. Jesús conta que o deporte lle vén de familia porque o seu pai foi o presidente e inaugurou aló polos 80 o Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo. Aínda con tantos maratóns, destaca que os que veñen de atrás xa se subiron a podios e gañaron medallas: “Eu só me subín a un antes dunha carreira para facer a foto”.

O último resultado acadado en Frankfurt non lle chegou para o obxectivo de Boston 2026, pero ten outras opcións. “Ou facía esa marca de menos de tres horas e media ou hai un sorteo para os que temos catro ou cinco Major, así que vou participar”, apunta. No caso de que lle toque ese sorteo, o 27 de novembro saberá se pode ir a Boston en abril do 2025. Se finalmente a sorte non está do seu lado, Kavarkés fará por que as súas pernas respondan da mellor maneira en febreiro en Malta: “Preciso acadar esta marca mínima que non conseguín en Frankfurt e así chegar ao maratón de Boston 2026”. Todos os camiños conducen a Boston!

 

0.20217299461365