Un ano máis presentouse o tren turístico que percorre o ámbito urbano da vila de Ribadeo
Un ano máis presentouse o tren turístico que desde hai varias semanas percorre o ámbito urbano da vila de Ribadeo. A concelleira de Turismo, Marta Saiz, subliñou que o tren turístico-cultural enxalza o enorme potencial que ten Ribadeo. A nova tempada, que comezou hai unhas semanas, prolongarase ata o 10 de setembro.
Saiz dixo que “quen se anime a subir a este tren turístico-cultural, podemos chamalo así, porque visita o Ribadeo cultural, natural, o casco histórico, a nosa arquitectura, o centro da vila, … polo que tamén percorre o sector servizos e en consecuencia o noso comercio, a nosa hostalería e a nosa gastronomía”.
A concelleira de Turismo engadiu: “podemos dicir que este tren turístico enxalza o enorme potencial que ten Ribadeo. Este ano conta con nova dirección e dende o Concello e a Área de Turismo queremos poñernos á súa disposición e desexarlle moitísima sorte. Entre todos, construiremos un Ribadeo mellor”.
O tren turístico de Ribadeo ofrece oito viaxes diarias con saída desde o Campo de San Francisco, a carón da Oficina de Turismo. Polas mañás sae ás 11, ás 12 e ás 13 horas e polas tardes ás 16, ás 17, ás 18, ás 19 e ás 20 horas.