Un amplo programa cultural e de verbenas encherá de tradición as festas do Carme en Cervo

A vila mariñá de San Ciprián prepárase para vivir as súas xornadas máis emotivas e concorridas do período estival. O Concello de Cervo presentou de xeito oficial a programación na honra á Virxe do Carme, unha cita de gran calidade que se desenvolverá entre o 11 e o 18 de xullo e que conxugará os ritos relixiosos máis tradicionais con propostas musicais de primeiro nivel, festivais de danza e citas gastronómicas.
O punto de partida desta edición festiva terá lugar este sábado na Praza dos Campos coa celebración da tradicional Gran Mexillonada Popular, unha iniciativa gastronómica de grande éxito impulsada pola Asociación Amigos da Maruxaina a partir das 20.00 horas. A partir de aí, a actividade festiva trasladarase aos días centrais da semana, onde as actuacións de grandes orquestras como Supertop ou Costa Dorada e os grupos Kubo e Arizona compartirán protagonismo cos actos solemnes á beira do mar.
Un dos momentos máis significativos e cargados de sentimento desta entrega de 2026 viviráse durante a baixada da imaxe ata o peirao. Nesta ocasión, a comunidade renderá un sentido tributo á memoria de Luis Orive López Canoura, un histórico colaborador moi vencellado á organización da procesión que faleceu recentemente. Os actos relixiosos completaranse coa tradicional Ofrenda Floral en recordo dos mariñeiros falecidos, que contará coa participación da veciña Geluca, e os desfiles musicais coordinados por colectivos coma a asociación Mar de San Ciprián, a Banda San Inocencio de Burela ou a banda de música O Landro de Viveiro.
A alcaldesa da localidade, Dolores García Caramés, suliñou o fondo significado destas xornadas ao asegurar que 'estas festas son unha das celebracións máis sentidas do calendario local e representan á perfección o vínculo de San Ciprián co mar e coas súas tradicións'. A rexedora tamén quixo poñer en valor o papel fundamental de entidades como a Asociación Mulleres de San Ciprián, responsables do adorno floral das rúas, o Grupo Folklórico Mistura ou o colectivo Anxuela, cuxo traballo desinteresado e voluntario permite manter a esencia participativa destas festas patronais.