Últimos días para visitar en Foz a primeira exposición da Asociación Mauro Leivas

A exposición "Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras" encara os seus últimos días no CENIMA de Foz, onde permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 13 de setembro. A mostra reúne 46 obras de Mauro Leivas (1955-2025) e constitúe a primeira iniciativa expositiva organizada pola asociación creada para conservar e divulgar o legado artístico e intelectual do autor.
A proposta permite achegarse aos últimos traballos de Leivas, nunha etapa marcada pola procura dunha linguaxe máis esencial e pola mirada cara á paisaxe próxima. A Mariña, territorio estreitamente ligado á vida e á produción do artista, cobra así un especial significado nesta primeira exposición promovida pola entidade tras o seu falecemento en xullo de 2025.
A mostra abriu as súas portas cunha destacada resposta do público, xa que máis de 150 persoas participaron na inauguración celebrada na sala do primeiro andar do CENIMA. A cita reuniu familiares, amizades, artistas e representantes institucionais arredor da figura e da traxectoria do creador.
O artista mindoniense Daniel Caxigueiro definiu este último período de Leivas como "un regreso ás orixes", no que apostou por algo "moi sinxelo, moi mínimo, á xaponesa", sen perder a conexión coa paisaxe que o rodeaba. Pola súa banda, a comisaria Silvia Fiallega interpretou tamén estas obras como unha volta á infancia e destacou a capacidade do autor para construír un código propio co que trasladar ao espectador espazos e paisaxes recoñecibles.
A dimensión social da súa traxectoria tamén estivo presente na presentación. A xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago, incidiu na importancia de preservar unha obra extensa e complexa e reivindicou a difusión non só da creación artística de Leivas, senón tamén dos valores vinculados á xustiza social que defendeu durante a súa vida.
Xunto ás 46 pezas expostas, a inauguración serviu para presentar un caderno que reúne outras 35 obras pertencentes ao último ciclo creativo do artista. O material pode consultarse tanto no seu formato orixinal como nunha versión dixital elaborada dentro do proceso de catalogación que desenvolve a Asociación Mauro Leivas.
A entidade, formada por familiares e amizades do creador e presentada publicamente en Mondoñedo o pasado marzo, continúa así dando os primeiros pasos para ordenar, conservar e achegar a súa produción a novos públicos.
Quen aínda non visitase "Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras" poderá facelo ata o 13 de setembro con entrada libre. O CENIMA abre de luns a sábado de 9.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas, mentres que os domingos o horario é de 9.30 a 13.30 horas.