UCIN Galicia acusa ao Goberno de Ribadeo de levar a cabo unha “persecución burocrática” contra a súa actividade poítica

AMariñaXa
A formación asegura que o Concello está a impoñer requisitos “desproporcionados” para autorizar unha carpa informativa e fala de trato discriminatorio
concello-ribadeo-2026
14 Jun 2026

UCIN Galicia denunciou este venres o que considera un “abuso institucional e administrativo” por parte do Goberno municipal de Ribadeo tras recibir un requirimento de emenda vinculado á solicitude para instalar unha carpa informativa na rúa Rodríguez Murias.

Segundo a formación, o Concello solicita documentación que vai máis alá do habitual nestes procedementos, incluíndo estatutos da organización, CIF, nomeamentos internos de cargos e datos identificativos dos responsables políticos, ademais de documentación técnica sobre a propia estrutura da carpa.

UCIN considera que estas esixencias resultan “desproporcionadas” para unha autorización de ocupación temporal da vía pública destinada a actividades informativas, e entende que poderían dificultar o seu labor político.

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, cualificou a actuación como “desproporcionada e impropia dunha administración que debería actuar con neutralidade”, e asegurou que a situación supón “un intento de poñer trabas á nosa actividade política”.

Calo sostén que este tipo de instalacións informativas son habituais noutros concellos e cuestiona que se requira documentación interna dunha formación política para este tipo de permisos. Ao seu xuízo, a situación podería responder a unha vontade de “dificultar a actividade de UCIN en Ribadeo”.

O representante da formación tamén criticou ao alcalde de Ribadeo, ao que acusa de empregar os procedementos administrativos para poñer obstáculos á súa actividade. “As institucións están para servir á cidadanía, non para perseguir adversarios políticos”, afirmou.

Desde UCIN Galicia aseguran que presentarán a documentación que sexa legalmente necesaria, aínda que revisarán o expediente para valorar se o requirimento cumpre os principios de proporcionalidade e igualdade de trato.

A formación insiste en que continuará coa súa actividade na comarca da Mariña e reclama ao Concello “respecto pola pluralidade política” e un trato equitativo para todas as organizacións.

0.13270401954651