Troitas Bravas gaña na sétima xornada da liga de billarda
Por Daniel Rodríguez Saavedra.
Despois do éxito da pasada tempada, a LNB volveu a Castropol para celebrar o segundo aberto en terras Asturianas.
Como sempre os Troitas Bravas deron o do de peito para sacar adiante este magnífico aberto coa inestimable colaboración do Concello. Parabéns compañeiros. Organización perfecta.
O tempo estupendo para xogar a billarda aínda que o bravo terreo puxo abondos atrancos aos 65 palanadores participantes (44 homes, 13 donas e 8 cativos).
Tres palanadores sobresaíron por riba dos demais. Sachas (Troitas Bravas) por cuarta xornada consecutiva sube o podio, desta volta no máis alto cun pleno de 25 puntos. Con 24 e despois dun desempate, Basilio (Billardeiros Musicais) e Muriego (Remourelle Bulls) foron os seus acompañantes.
En donas, Sandra (Troitas Bravas) fixo o propio co seu compañeiro e superou a Cris e a Vanesa (as dúas de Castiñeiro Milenario).
En infantís, como sempre os cracks Mateu e Diego (Madia Leva) impoñen a súa lei, e Alejandra (Troitas bravas) foi terceira.
Malia as dificultades e a bravura do terreo, outra Troita Brava, Tonho, foi quen de facer un Varado, o terceiro que se acada na tempada.
Por equipos, novamente Troitas Bravas soben o máis alto, por diante de Billardeiros Musicais e de Madia Leva, consolidándose na primeira posición da xeral.
José Antonio Martínez Rodríguez (Antón), concelleiro de deportes de Castropol, participou activamente na xornada e mostrou moi boas maneiras zoupándolle a billarda e o remate foi quen fixo a entrega dos agasallos aos gañadores do aberto.
As clasificacións logo da sétima xornada quedan así:
Individual:
- Basilio (Billardeiros Musicais) 152 p.
- Sachas (Troitas Bravas) 151 p.
- Charli (Carabulllo) 142 p. .
Donas:
- Cris (Castiñeiro Milenario) 93 p.
- Aroa (Billardeiros Musicais) 67 p.
- Geni (Billardeiros Musicais) 62 p.
Equipos:
- Troitas Bravas (A Pontenova) 564 p.
- Billardeiros Musicais (Ribadeo) 558 p.
- Madia Leva (Lugo) 495 p.
A liga regular retómase o día 25 de marzo en Riotorto.