Trinta ganderías da provincia reciben as axudas do programa O que non arde
As subvencións, de ata 2.500 euros, contribuirán a financiar peches perimetrais e outros elementos necesarios para a alimentación e o manexo do gando.
O BOP publicou este luns a resolución da convocatoria de subvencións para o fomento de boas prácticas de silvopastoreo do programa “O que non arde”, dirixido a gandeirías de ovino, cabrún e porcino.
Unha trintena de gandeirías recibirán as axudas para financiar a instalación e mantemento de peches perimetrais que protexan o gando da fauna salvaxe e outros elementos para a alimentación e o manexo do gando en extensivo. As achegas, que oscilan en función da puntuación nos criterios establecidos, alcanzan na maioría dos casos os 2.500 euros, a contía máxima asignada por solicitante.
Medio Rural da Deputación destinou 60.000 euros a esta cuarta edición do programa, que o pasado mes de outubro foi recoñecido como o mellor proxecto de apoio a gandeiría extensiva desenvolvido por unha Deputación a nivel estatal, pola oenegué internacional WWF Adena.
Mónica Freire destacou “o éxito desta cuarta convocatoria, na que se investirá todo o orzamento consignado, demostrando o interese do sector por un modelo gandeiro que aproveita os recursos naturais existentes nos montes para producir alimentos de forma sostíbel e reduce a biomasa, protexendo o territorio contra os lumes”.
Cuarta edición dun programa pioneiro
“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas secundarias de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.
En 2021, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, implicando a comuneiros e comuneiras no mantemento e limpeza das faixas de protección contra os lumes e financiando os proxectos de aproveitamento silvopastoril das Comunidades de MVMC, necesarios para poder inscribilos no rexistro de montes con uso gandeiro da Xunta de Galicia e poder deste xeito percibir as axudas da PAC para xestión destes pastos comunais.
Na pasada edición, as axudas extendéronse ás gandeirías extensivas de cabrún, ovino e porcino, financiando a instalación e mantemento de peches perimetrais e outros elementos para a rotación e manexo do gando nunha vintena de gandeirías das distintas comarcas, así como o desenvolvemento de programas de fomento do silvopastoreo por parte de asociacións gandeiras (Asoporcel, Boaga, Fruga e Ovica).
Mónica Freire valorou “o traballo realizado ao longo destes catro anos para consolidar o programa e implicar ás administracións locais nos concellos, ás comunidades de montes, ás asociacións gandeiras e aos propios/as gandeiros e gandeiras no fomento do silvopastoreo e da gandeiría extensiva, que actúa como barreira contra os lumes forestais e contribúe ao equilibrio territorial e á fixación de poboación no rural”.
Medio Rural da Deputación destinou un total de 240.000 euros nas sucesivas convocatorias do programa, durante estes 4 anos.