Tres veciños de Trabada proclámanse campións galegos da primeira Liga Hobby Hockey

O alcalde de Trabada, Rubén García, recibiu na mañá deste xoves no Concello a tres veciños do municipio que recentemente se proclamaron campións galegos da Liga Hobby Hockey, unha nova competición de carácter afeccionado que celebrou a súa primeira edición este ano.
Os trabadenses Daniela Vélez, Thor Alberich e Marcos Cabanas forman parte do equipo Club Hockey Isla Pancha de Ribadeo, que logrou o primeiro posto nesta liga destinada a persoas que practican hockey fóra do ámbito profesional. A iniciativa naceu co obxectivo de ofrecer unha alternativa deportiva a xogadores e afeccionados que desexan seguir vinculados a este deporte nun formato máis flexible e accesible.
Esta nova liga reuniu a participantes que non compiten en categorías profesionais e que atoparon nesta proposta unha oportunidade para continuar practicando hockey e compartir a súa afección. Entre os participantes figuran nais, pais e afeccionados que ata agora non dispoñían dunha competición adaptada ás súas posibilidades.
Na primeira edición da Liga Hobby Hockey tomaron parte tres equipos: o ADC Alquimia Inline da Coruña, o Lostregos Mapax de Lugo e o Club Hockey Isla Pancha de Ribadeo. Este último contou coa presenza de varios xogadores da comarca da Mariña, entre eles os tres veciños de Trabada que foron recibidos polo rexedor municipal.
A competición desenvolveuse en formato de sede, cun calendario estruturado en tres xornadas celebradas en diferentes localizacións. A última delas tivo lugar o pasado 1 de marzo en Ribadeo, onde se decidiu finalmente o título desta primeira edición do torneo.
Durante o encontro celebrado no Concello, Rubén García felicitou aos deportistas polo éxito acadado e destacou o valor deste tipo de iniciativas para promover hábitos saudables e reforzar a convivencia a través do deporte. O alcalde tamén puxo en valor o esforzo dos xogadores e o compromiso por manter viva a práctica do hockey nun ámbito afeccionado.
Ademais, lembrou que nos últimos meses o equipo realizou diferentes sesións de adestramento nas instalacións deportivas municipais de Trabada, un espazo que serviu de apoio para a preparación dos xogadores que forman parte deste proxecto deportivo.