Tres películas visibilizarán a realidade das mulleres rurais en Barreiros

Tres películas que abordan as experiencias e os retos das mulleres rurais chegarán a Barreiros coa segunda edición do Ciclo de Cine e Mulleres Rurais, unha iniciativa promovida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para visibilizar o papel das mulleres no medio rural.
A programación, impulsada pola área de Igualdade municipal no marco do programa +Igualdade Barreiros, inclúe títulos que tratan cuestións como o sacrificio, o amor, a resiliencia e a invisibilidade histórica das mulleres rurais.
As sesións celebraranse no Centro Social de San Cosme ás 18:00 horas. A primeira terá lugar o 25 de outubro coa proxección de "La buena suerte", de Gracia Querejeta. O 8 de novembro será a quenda de "La buena letra", de Celia Rico, mentres que o ciclo rematará o 15 de novembro con "La tierra negra", de Alberto Morais.
A concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, destacou a importancia de manter iniciativas culturais que permitan achegar á veciñanza as experiencias e os retos das mulleres do rural. Segundo sinalou, o cinema é unha ferramenta para visibilizar realidades que adoitan quedar á marxe e crear espazos de reflexión colectiva.
Pola súa banda, a alcaldesa, Ana Ermida, reiterou o compromiso municipal coa igualdade de xénero e coa loita contra as violencias machistas. A rexedora defendeu a educación e a cultura como ferramentas fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e lembrou que a reivindicación debe ir acompañada de accións no día a día.
Desde a área municipal de Igualdade animan a participar nas proxeccións e nos espazos de reflexión que se xeren arredor das películas.