Tres deportistas de Burela fan historia coa selección de Cabo Verde no debut africano de fútbol sala

Os burelaos Helder Gonçalves Semedo, Domingos Xabier Pintos e Renatinho Rodrigues Monteiro forman parte da histórica convocatoria da Selección de Cabo Verde de fútbol sala, que iniciou a súa participación na fase de clasificación para a Copa África 2026 cunha vitoria de grande simbolismo fronte a Senegal (4-0). O encontro, disputado no pavillón da Cidade do Tarrafal de Santiago, marcou un fito para o futsal caboverdiano ao tratarse da primeira vitoria do país en competición oficial africana.
Desde o inicio do partido, Cabo Verde mostrou unha actitude firme, valente e organizada, sen complexos fronte a un rival con experiencia continental. A selección destacou pola súa solidez defensiva, a rapidez nas transicións e un alto nivel de coordinación colectiva, factores que lle permitiron dominar os momentos clave do encontro e construír unha vitoria clara e contundente.
Máis alá do resultado deportivo, este triunfo supón un paso histórico para o desenvolvemento do fútbol sala en Cabo Verde, abrindo un novo escenario para o crecemento da modalidade no país e consolidando a súa presenza no panorama africano. A selección non só superou a Senegal no marcador, senón que enviou unha mensaxe clara de ambición, proxecto e futuro.
No plano individual, Helder Semedo e Domingos Xabier Pintos compiten esta tempada na liga polaca de futsal, mentres que Renatinho Monteiro defende as cores do equipo veciño SD Xove FS.
A segunda xornada da fase de clasificación disputarase o vindeiro 28 de xaneiro, nun novo encontro no que Cabo Verde buscará dar continuidade a este inicio ilusionante.
Desde o Concello de Burela, así como dende as áreas de Deportes e Inmigración, trasladouse unha mensaxe de apoio e recoñecemento aos tres deportistas, destacando o seu papel como referentes deportivos e exemplos de integración e superación.