Trabada vivirá unha fin de semana de festa entre Trabadela e o Alto da Cadeira

AMariñaXa
A programación dos días 7 e 8 de agosto incluirá gastronomía, música, actividades infantís e a consolidada Xira da Cadeira
trabada-festas-agosto-parroquias
7 Aug 2026

O Concello de Trabada prepara unha intensa fin de semana festiva coa celebración de varias actividades en Trabadela e no Alto da Cadeira, dúas citas que volverán reunir á veciñanza e aos visitantes arredor da música, a gastronomía e as tradicións do municipio.

A programación arrancará o venres 7 de agosto coa tradicional churrascada de Trabadela, organizada pola comisión de festas. A cea popular servirá de antesala a unha verbena amenizada por Ana Sánchez, encargada de poñer o ritmo á primeira das xornadas festivas.

O sábado 8 será a quenda da XXIII Xira da Cadeira, unha das celebracións máis representativas do verán en Trabada. O programa comezará pola mañá coa segunda edición do Campionato de Balinera (Carabina), unha actividade organizada polo Concello na que a participación será gratuíta e as balineras serán facilitadas pola organización.

Ao longo da xornada sucederanse a procesión na honra a San Marcos, a sesión vermú coa Banda Municipal de Música de Ribadeo e The Sound Project, así como a tradicional comida campestre. A programación completarase con inchables gratuítos para a cativada, un espectáculo do Mago Roberto Lolo, unha nova actuación musical de The Sound Project e unha degustación de empanada e xamón cocido para as persoas asistentes ao xantar.

O alcalde, Rubén García, destacou o traballo das comisións de festas e das asociacións locais, subliñando que a súa implicación resulta fundamental para dinamizar a vida social e cultural das parroquias. O rexedor reafirmou tamén o compromiso do Concello de seguir colaborando con este tipo de iniciativas, que contribúen a fortalecer a convivencia e a atraer visitantes ao municipio.

0.13499808311462