Trabada traslada á Deputación as súas prioridades en infraestruturas e investimentos

O alcalde de Trabada, Rubén García, mantivo unha reunión coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, co obxectivo de expoñer as principais necesidades do municipio e avanzar na busca de novas vías de cooperación entre ambas administracións.
Durante o encontro, celebrado no día de onte, o rexedor puxo o foco especialmente na situación das estradas provinciais que atravesan o termo municipal, trasladando distintas propostas orientadas á súa mellora. Segundo indicou, trátase dun ámbito prioritario para o Concello, dada a importancia destas infraestruturas na mobilidade diaria da veciñanza.
Ademais das cuestións viarias, na reunión tamén se abordaron posibles liñas de investimento e actuacións futuras que permitan continuar mellorando os servizos públicos e os equipamentos municipais, co fin de dar resposta ás necesidades actuais da poboación.
Rubén García puxo en valor a relación existente entre ambas institucións, destacando o papel que a Deputación de Lugo vén desempeñando no desenvolvemento do municipio. Neste sentido, lembrou a colaboración mantida ao longo dos anos tanto na organización de eventos como a Festa da Enfariñada, como na execución de diferentes proxectos e actuacións.
O alcalde subliñou a importancia deste tipo de encontros institucionais, que permiten trasladar directamente as demandas da veciñanza e coordinar esforzos para atopar solucións eficaces. “É fundamental manter unha comunicación fluída para seguir avanzando en melloras que repercutan na calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, apuntou.
Desde o Concello de Trabada destacan a vontade de continuar reforzando esta colaboración coa Deputación, apostando por un traballo conxunto que permita impulsar novas iniciativas e consolidar o progreso do municipio nos vindeiros anos.