Trabada terá no ano 2022 un orzamento de 1,5 millóns de euros
O grupo de Goberno do Concello de Trabada levará ao pleno do próximo mércores, día 1 de decembro, os orzamentos municipais do ano 2022.
Trabada terá un orzamento de 1.495.265,40 euros, destacado o esforzo inversor, que ronda o 22%. “Con esta partida, faremos fronte a necesidades inevitables dos servizos e a investimentos que permiten mellorar as infraestruturas e equipamentos públicos municipais”, explica a alcaldesa, Mayra García Bermudez.
Para impulsar estes investimentos, o concello acudirá ademais ás liñas de subvencions que habilitan as diferentes administracións, evitando na medida do posible as modificacións orzamentarias.
“Son unhas contas equilibradas, que garanten a estabilidade do concello reforzando servizos sociais básicos como a Axuda no Fogar”, apunta a alcaldesa, “un documento realista e axustado aos ingresos e gastos, evitando previsións non realizables que den unha imaxe non axustada do noso estado económico-financeiro”.
O proxecto de orzamento cumprirá coa estabilidade orzamentaria, evitando o incremento do nivel de endebedamento para manter a actual situación de equilibrio. Non se prevé acudir a operacións de endebedamento.
Os gastos de persoal aumentan en máis de 70.000 euros pola entrada en vigor da Relación de Postos de Traballo (RPT), que terá lugar a principios do ano 2022, e a subseguinte adecuación salarial para todos os membros da plantilla de persoal, con especial transcendencia para os postos de auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cuxo salario se ve incrementado de maneira moi notable.
“O reforzo e a mellora das condicións laborais dos traballadores do Servizo de Axuda no Fogar é un compromiso ineludible e xusto, xa que desempeñan unhas funcións básicas que se deben dignificar o máximo posible; falamos dun servizo que debe ser prestado con altos estándares de calidade, aínda non sendo unha competencia propia dos concellos”, engade García Bermúdez.