Trabada solicita unha nova subvención para renovar o alumeado público en varios puntos do municipio

AMariñaXa
O proxecto, valorado en máis de 35.000 euros, aposta pola substitución de luminarias actuais por tecnoloxía LED máis eficiente e sostible
TRABADA-SUBVENCIÓN-CONSELLERÍA-PRESIDENCIA-RENOVACIÓN-ALUMEADO-PÚBLICO-2026
9 Mar 2026

O Concello de Trabada vén de presentar unha solicitude de subvención ante a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia co obxectivo de acometer unha nova actuación de mellora do alumeado público en distintos lugares do municipio. O proxecto contempla un investimento que supera os 35.000 euros.

A iniciativa pretende substituír parte das luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED, máis eficientes desde o punto de vista enerxético e máis respectuosas co medio ambiente. Con esta actuación, o goberno local busca mellorar a iluminación nas zonas afectadas e avanzar cara a un modelo de xestión máis sostible dos recursos municipais.

As intervencións previstas realizaríanse en diferentes puntos do concello, concretamente nos lugares de Vilapena, Vilasusá, Outeiro —na parroquia de Vilaformán—, Leirado e na Praza do Concello, incluíndo tamén a contorna da casa consistorial.

O alcalde de Trabada, Rubén García, subliñou que o Concello continúa traballando para aproveitar todas as liñas de axuda dispoñibles que permitan mellorar os servizos públicos. Segundo indicou, “seguimos solicitando todas as subvencións ás que podemos optar para continuar avanzando na modernización das infraestruturas municipais e mellorar a eficiencia enerxética do noso concello”.

O rexedor lembrou ademais que esta actuación se sumaría ás renovacións do alumeado público executadas durante o pasado ano en diferentes puntos do municipio, entre eles O Vilar, o núcleo de Trabada, Vidal, Vilarbetote e Vilafernando.

Desde o Concello tamén avanzan que nas próximas semanas se dará a coñecer un novo proxecto destinado á substitución de luminarias en varios núcleos da parroquia de Trabada, co propósito de continuar mellorando progresivamente a rede de iluminación pública municipal.

0.11553812026978