Trabada solicita apoio da Xunta para reparar o pavillón municipal tras o incendio

O Concello de Trabada vén de solicitar formalmente á Xunta de Galicia apoio e colaboración económica para facer fronte ás obras necesarias no pavillón municipal tras o incendio que afectou á zona dos vestiarios o pasado 3 de xaneiro. A administración local remitiu unha carta ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso, xunto cun informe técnico detallado que avalía os danos ocasionados polo lume, cunha estimación económica superior aos 150.000 euros.
Segundo o informe, os danos estruturais afectan á cuberta, á estrutura do edificio e ás paredes dos vestiarios, situación que imposibilita o uso normal destas instalacións. Aínda que a pista deportiva non sufriu danos directos, a inutilización dos vestiarios obrigou a suspender temporalmente as actividades e a retomalas sen contar con todos os servizos necesarios.
O pavillón municipal de Trabada é un espazo esencial para a veciñanza, xa que acolle de forma habitual actividades deportivas e de lecer como hóckey, fútbol sala, patinaxe, ximnasio, programas de conciliación e tamén as clases de educación física do alumnado do colexio municipal. Como destaca o alcalde Rubén García: “Nun concello rural como o noso, o pavillón municipal é moito máis ca un espazo deportivo: é un punto de encontro, convivencia e benestar para toda a comunidade”.
O rexedor subliña que desde o Concello defenden os intereses da veciñanza e agardan a colaboración da Xunta para poder recuperar canto antes a normalidade no uso das instalacións. “Asumir con medios propios o custo destas reparacións resultaría moi complexo, polo que consideramos imprescindible a colaboración da administración autonómica para garantir unhas condicións adecuadas de seguridade e salubridade”, engade García.
O Concello confía en que a Xunta de Galicia valorará a urxencia da intervención e permitirá que o pavillón municipal poida retomar a súa actividade completa sen maiores demoras, garantindo que todos os veciños poidan continuar desfrutando dun servizo fundamental para a vida deportiva e social de Trabada.