Trabada reunirá o 17 de maio á súa veciñanza maior nunha xornada de convivencia e homenaxe

O Concello de Trabada volverá apostar este ano por unha das súas citas máis sinaladas, o Encontro dos Maiores, que se celebrará o vindeiro domingo 17 de maio e que reunirá a veciños e veciñas maiores de 65 anos xunto ás súas parellas nunha xornada centrada na convivencia e no recoñecemento.
O evento está concibido como un espazo de encontro para persoas de todas as parroquias do municipio, co obxectivo de favorecer a relación entre a veciñanza, compartir momentos de lecer e poñer en valor o papel fundamental que desempeñaron ao longo da súa vida no desenvolvemento de Trabada.
Desde o goberno local explican que nos próximos días se fará chegar aos participantes unha comunicación co programa e os detalles organizativos. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 8 de maio, podendo realizarse a inscrición tanto de maneira presencial nas dependencias municipais como por vía telefónica.
O alcalde, Rubén García Freije, destacou que esta iniciativa representa unha oportunidade para devolver parte do que as persoas maiores achegaron ao municipio. “É un día moi especial no que queremos recoñecer o seu esforzo, a súa dedicación e o legado que deixaron na nosa sociedade”, indicou.
O Concello asumirá integramente os custos do encontro, garantindo así que todas as persoas interesadas poidan participar nunha celebración que busca reforzar os lazos sociais e ofrecer un espazo de encontro e desfrute compartido.