Trabada renova o seu compromiso coa inclusión social a través das cuncas da Enfariñada de Saúde Mental A Mariña

O Concello de Trabada volve dar un novo paso no seu apoio á inclusión e ao traballo social ao manter a colaboración coa Asociación Saúde Mental A Mariña, que un ano máis se encarga da elaboración das tradicionais cuncas da Festa da Enfariñada.
O alcalde, Rubén García Freije, recibiu no consistorio aos membros da entidade, nun encontro no que se puxo en valor o labor que desenvolve a asociación na comarca e a importancia de dar visibilidade ao seu traballo diario en favor das persoas con problemas de saúde mental.
Esta iniciativa, que se repite desde hai anos, converteuse xa nun exemplo de cooperación entre o ámbito social e o institucional, combinando tradición e solidariedade nunha celebración moi arraigada en Trabada.
Ademais da elaboración das cuncas, a Asociación Saúde Mental A Mariña contará tamén cun espazo propio na próxima edición da Festa da Enfariñada, que se celebrará o 3 de maio, onde porán á venda diferentes produtos realizados no marco das súas actividades.
Desde o goberno local sublíñase a importancia de continuar fortalecendo este tipo de colaboracións. O rexedor destacou a vontade de seguir impulsando iniciativas conxuntas: “Queremos manter e reforzar o noso apoio a entidades como Saúde Mental A Mariña, dando visibilidade ao seu traballo e contribuíndo á súa integración social”, sinalou.