Trabada recupera o Punto de Atención á Infancia cun servizo gratuíto para menores de tres anos

AMariñaXa
As familias poderán formalizar a matrícula do 18 ao 31 de agosto e o Concello prevé poñer en marcha o PAI a mediados de setembro en horario de 8.00 a 16.00 horas
Trabada-recupera-servizo-do-Punto-de-Atención-á-Infancia-
17 Aug 2026

O Concello de Trabada volverá contar co Punto de Atención á Infancia (PAI), un servizo destinado a facilitar a conciliación das familias con menores de entre tres meses e tres anos. A recuperación deste recurso permitirá ampliar a oferta municipal de apoio ao coidado dos máis pequenos e chega nun ano no que o municipio está a rexistrar varios nacementos.

O prazo para solicitar praza permanecerá aberto desde este martes 18 ata o 31 de agosto. As familias interesadas poderán realizar os trámites nas oficinas municipais, mentres que o inicio da actividade está previsto para mediados do mes de setembro.

O PAI funcionará de luns a venres entre as 8.00 e as 16.00 horas e será totalmente gratuíto para as familias usuarias.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca que a reapertura é resultado do traballo desenvolvido polo Concello durante os últimos meses para recuperar unha prestación que considera especialmente necesaria no rural. “Levamos moito tempo traballando para poder recuperar o Punto de Atención á Infancia, un servizo que consideramos fundamental para as familias do noso concello e que agora podemos volver poñer á súa disposición”, sinala.

A volta do PAI adquire, segundo o goberno local, unha relevancia especial ante os varios nacementos rexistrados en Trabada ao longo deste ano. O Concello considera que esta circunstancia reforza a importancia de dispoñer de recursos públicos que respondan ás necesidades das familias e contribúan a facilitar que poidan desenvolver o seu proxecto de vida no municipio.

A recuperación deste servizo integrarase, ademais, na rede de medidas municipais destinadas á conciliación. Entre elas atópanse os programas Madrugadores e Ludiseráns, os campamentos organizados durante o verán e o Nadal e outras propostas dirixidas ás familias ao longo do ano.

“Fixemos un esforzo moi importante para recuperar este servizo e incorporalo ao conxunto de programas de conciliación que temos durante todo o ano”, explica García. O rexedor incide en que o propósito é facilitar a compatibilidade entre a vida laboral e familiar e, paralelamente, garantir aos nenos e nenas o acceso a recursos de calidade.

Co regreso do Punto de Atención á Infancia, o Concello pretende reforzar os servizos públicos de proximidade como unha das ferramentas para fixar poboación. O goberno municipal defende que dispoñer deste tipo de recursos resulta esencial para facer de Trabada un lugar no que as familias poidan vivir, criar os seus fillos e desenvolver o seu futuro.

0.12046909332275