Trabada recupera a súa memoria colectiva a través da fotografía e o cine co programa Veiguello 2026

AMariñaXa
A iniciativa da Asociación Cultural Veiguello, coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo, desenvolverá actividades culturais en diferentes parroquias entre o 28 e o 31 de xullo
trabada-programa-veiguello-2026
27 Jul 2026

A Asociación Cultural Veiguello, coa colaboración do Concello de Trabada e da Deputación de Lugo, volverá poñer en marcha unha nova edición do Programa Veiguello 2026, unha proposta que aposta pola cultura, a participación veciñal e a recuperación da memoria colectiva do municipio.

As actividades desenvolveranse entre os días 28 e 31 de xullo en diferentes parroquias de Trabada e terán como fío condutor a fotografía, o cine e os recordos da veciñanza como ferramentas para preservar e divulgar a historia local, o patrimonio e as experiencias das persoas que forman parte do territorio.

A programación dará comezo o martes 28 de xullo ás 17:00 horas no Teleclub de Vilaformán coa actividade “Memoráreo”, un encontro aberto no que se convidará á veciñanza a achegar fotografías antigas, especialmente aquelas vinculadas á emigración ou a momentos significativos da vida do municipio. A xornada estará dedicada a compartir lembranzas e historias arredor das imaxes, nun ambiente de convivencia que incluirá tamén unha merenda.

Os días 29 e 30 de xullo será a quenda de “Cine do Eo”, unha proposta na que se realizarán gravacións de curtametraxes en distintas parroquias coa participación dos cineastas Nela Fraga e Enrique Otero. Paralelamente, no Teleclub de Vilaformán e nos seus arredores terá lugar “Trabada Muchachada”, un obradoiro dirixido á mocidade no que aprenderán as claves da creación audiovisual coa colaboración do actor Miguel de Lira.

O programa pecharase o venres 31 de xullo ás 20:30 horas en Vilapena cunha proxección na que se amosará un resumo dos traballos realizados durante as xornadas anteriores. A actividade rematará cunha tradicional churrascada para compartir entre participantes e veciñanza.

O alcalde de Trabada, Rubén García, puxo en valor a colaboración co tecido asociativo local e agradeceu o labor da Asociación Cultural Veiguello por impulsar unha iniciativa que "combina cultura, memoria e participación veciñal". Segundo destacou, as asociacións municipais "desempeñan un papel fundamental á hora de dinamizar as parroquias e ofrecer actividades de calidade ao longo de todo o ano".

Desde o Concello animan á cidadanía a sumarse ás diferentes propostas do programa e a participar nunhas actividades que buscan manter vivos os recordos colectivos e reforzar a dinamización cultural das parroquias de Trabada.

0.13071608543396