Trabada reclama á Xunta unha nova motobomba para reforzar a resposta fronte aos incendios forestais

AMariñaXa
O Concello insiste na necesidade de renovar o vehículo tras o incendio rexistrado esta semana no Alto do Picato e lembra que a petición xa fora trasladada en 2024
concello-trabada-casa-consistorial-2022
14 Jul 2026

O Concello de Trabada solicitou novamente á Consellería do Medio Rural a dotación dunha nova motobomba para o servizo municipal de prevención e primeira intervención en incendios forestais. O alcalde, Rubén García, considera que esta demanda é “urxente e plenamente xustificada”, especialmente despois do incendio rexistrado este luns no Alto do Picato, na parroquia de Vilapena.

A través dun escrito remitido á conselleira do Medio Rural, o goberno local lembra que esta petición xa fora formulada no ano 2024, cando advertiu do avanzado estado de desgaste do vehículo actualmente en servizo. Segundo o Concello, a situación empeorou co paso do tempo.

O incendio declarado no Alto do Picato, sinalan desde o Concello, volveu evidenciar a importancia de contar con medios axeitados para actuar nos primeiros momentos dunha emerxencia. Como é habitual, os operarios municipais foron os primeiros en chegar ao lugar e interviñeron para tratar de conter o avance das lapas ata a chegada do resto dos efectivos.

O propio alcalde participou nesa primeira intervención e asegura que puido comprobar unha vez máis as dificultades que presenta unha motobomba que leva anos acumulando avarías.

“O Concello leva investidos moitos recursos para manter este vehículo operativo, pero chegou a un punto no que o seu desgaste é moi elevado e incluso resulta complicado atopar pezas para continuar reparándoo. Xa non estamos falando dunha mellora, senón dunha necesidade imprescindible para garantir unha resposta rápida e segura”, afirma Rubén García.

O rexedor lembra que Trabada conta cunha ampla superficie forestal, numerosos núcleos rurais e unha poboación moi dispersa, polo que considera fundamental dispoñer de medios que permitan actuar con rapidez para evitar que un pequeno lume derive nun incendio de maior entidade.

“O noso persoal municipal responde sempre cando hai unha emerxencia. Son os primeiros en chegar, os primeiros en actuar e os primeiros en protexer ás persoas, ás vivendas e ao territorio. Non podemos seguir esixíndolles esa responsabilidade sen proporcionarlles os medios adecuados para facelo con seguridade”, subliña o rexedor.

Desde o Concello insisten en que a solicitude responde á necesidade de contar cun equipamento esencial para protexer a veciñanza, as explotacións agrarias, as vivendas e o patrimonio forestal do municipio. Por este motivo, reclaman á Xunta de Galicia que atenda esta petición coa máxima urxencia e dote a Trabada dunha nova motobomba adaptada ás necesidades do servizo.

0.12609076499939