Trabada recibe a Marta Pedrosa e Acuae Puga tras gañar o bronce no Campionato Nacional de Remo Olímpico
A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, xunto aos concelleiros Julia María Barcia e Rubén García, recibiu ás deportistas Marta Pedrosa e Acuae Puga do Club Remeros del Eo. O equipo, formado por unha rapaza de Ría de Abres (Trabada) e outra de Abres (Vegadeo), vén de lograr o bronce no Campionato Nacional de Remo Olímpico en categoría xuvenil.
“É un orgullo ver que hai futuro para os nosos nenos e nenas que queren dedicarse ao deporte nos concellos do rural”, expresou Mayra García Bermúdez, alcadesa de Trabada, quen felicitou a Marta e Acuae, polos seus éxitos deportivos e desexoulles o mellor para as vindeiras competicións.
O apoio ao deporte é fundamental dende a administración local, “polos valores sociais tan importantes que promove, fundamentais para o progreso dunha sociedade, como son o esforzo, a constancia, a vontade de superación, o compañeirismo e o respecto polos demais”, pero tamén pola súa capacidade “para a promoción do territorio e o turismo”, engadiu a rexedora.