Trabada reabre as instalacións deportivas municipais tras o incendio nos vestiarios

AMariñaXa
A pista do pavillón e o ximnasio volverán estar operativos dende este domingo 18, aínda que a zona afectada seguirá pechada por seguridade
PAVILLÓN-TRABADA
17 Jan 2026

O Concello de Trabada anunciou que a partir do vindeiro domingo 18 volverán abrir ao público as instalacións deportivas municipais, concretamente a pista do pavillón e o ximnasio. A reapertura prodúcese despois do incendio rexistrado o pasado día 3 na zona de vestiarios, que obrigou a suspender temporalmente a actividade deportiva no municipio.

Apenas dúas semanas despois do suceso, o goberno local conseguiu restablecer parte do servizo, permitindo que veciños e veciñas poidan retomar a práctica deportiva. Porén, e atendendo a criterios de seguridade, a área de vestiarios permanecerá pechada ata que se complete a súa recuperación total.

Desde o Concello destacan o intenso traballo realizado para reducir ao máximo o tempo de inactividade das instalacións e sinalan que xa se está a avaliar o alcance dos danos provocados polo incendio. Neste sentido, avanzan que nas vindeiras semanas se solicitará o financiamento preciso para acometer as obras de reparación e rehabilitación da zona afectada.

O executivo municipal subliña que esta reapertura parcial responde ao compromiso coa veciñanza e co fomento do deporte, apostando por unha recuperación progresiva das instalacións, sempre priorizando a seguridade das persoas usuarias.

⚙ Configurar cookies
0.073279142379761