Trabada programa oito funcións teatrais na Casa da Cultura ata xuño de 2027

A Casa da Cultura de Trabada volverá converterse nun espazo de encontro coas artes escénicas a partir de novembro, coa posta en marcha dunha nova edición dos ciclos teatrais. A programación incluirá oito representacións, cunha función mensual ata xuño de 2027, e incorpora como principal novidade o adianto do horario, que pasa das 21.00 ás 20.00 horas.
O Concello de Trabada, organizador da iniciativa en colaboración coa Deputación de Lugo e a Área de Cultura da Vicepresidencia da institución provincial, busca así facilitar que a veciñanza poida asistir ás obras, especialmente durante os meses de inverno.
A primeira cita será o 7 de novembro, coa representación de "Dona Clara", a cargo do Colectivo Cultural Ollomao. O calendario continuará o 5 de decembro con "Infidelidades", de Ardora, e o 2 de xaneiro con "Trato a cegas", da compañía Pico do Castro.
Xa en febreiro, o día 6, será a quenda de 57 Palabras con "La madre que la parió". O 6 de marzo, A Adala presentará "Roubo con destino ó Caribe", mentres que o 3 de abril o grupo San Tirso del Eo levará á Casa da Cultura a obra "Dinero negro".
As dúas últimas funcións terán lugar en maio e xuño. O día 8 de maio, Lume Escénico representará "Inouisítame outra vez", e o ciclo pecharase o 5 de xuño con "Vaia co pronóstico", a cargo de Aturuxeiros de Bravos.
Todas as sesións terán lugar na Casa da Cultura e comezarán ás 20.00 horas. A proposta permitirá manter unha cita mensual co teatro durante oito meses, cunha programación na que participarán diferentes colectivos e compañías.