Trabada programa catro actividades de orientación e acompañamento para familias durante o curso

O Concello de Trabada desenvolverá durante o curso 2026/2027 un novo Programa Municipal de Orientación e Acompañamento a Familias, unha iniciativa que ofrecerá catro actividades entre os meses de outubro de 2026 e maio de 2027. Todas as propostas terán lugar na Casa da Cultura de Trabada ás 16:30 horas.
A programación comezará o 20 de outubro coa charla para familias "Sácalles partido ao teu estudo", na que se ofrecerán pautas para axudar os nenos e nenas a mellorar o seu rendemento académico.
A seguinte cita será o 1 de decembro, tamén ás 16:30 horas, cun Espazo de Orientación a Familias dedicado á "Educación en positivo". A actividade estará formulada como un punto de encontro para dialogar, compartir experiencias e abordar diferentes cuestións relacionadas coa educación familiar.
O programa continuará en 2027 coa charla "Educamos a atención", prevista para o 30 de marzo. Nesta sesión abordaranse pautas e propostas destinadas a estimular a atención dos nenos e nenas desde o ámbito familiar.
A última actividade terá lugar o 31 de maio e será un novo Espazo de Orientación a Familias, neste caso centrado no tema "Nenos e nenas con moito carácter".
O Programa Municipal de Orientación e Acompañamento a Familias está promovido e financiado polo Concello de Trabada e será desenvolvido por Educando en Familia. A iniciativa busca ofrecer ás familias un espazo de orientación e acompañamento a través de diferentes sesións ao longo do curso.