Trabada prepara un Mercadiño de Nadal con música, teatro e propostas familiares

O Concello de Trabada organizará o sábado 19 de decembro unha nova edición do seu Mercadiño de Nadal, unha cita que combinará comercio de proximidade, cultura e actividades de lecer para ofrecer unha xornada festiva pensada para toda a familia. A Praza do Concello será o punto de encontro desta celebración, que abrirá as súas portas ás 11.30 horas nun espazo cuberto cunha carpa.
Os postos de venda ofrecerán produtos locais e artigos artesanais, creando unha oportunidade para coñecer e adquirir elaboracións de proximidade. A programación estenderase ao longo de todo o día coa colaboración de asociacións e colectivos do municipio.
As primeiras actividades comezarán ás 12.00 horas coa proxección de curtametraxes de Cineo do Eo, unha iniciativa da Asociación Cultural O Veiguello de Vilaformán que terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello. Unha hora despois, ás 13.00 horas, as Pandereteiras do Arco da Vella achegarán a música tradicional á celebración cunha actuación.
A programación da tarde estará especialmente orientada ao público infantil. Ás 15.30 horas, Trémola Teatro ofrecerá un contacontos de Nadal dirixido aos máis pequenos e ás familias. Outro dos momentos destacados chegará ás 16.30 horas coa Papanoelada Moteira, que reunirá os participantes nesta proposta festiva. Coincidindo coa súa chegada, o Motoclub A Cadeira repartirá chocolate quente e biscoito de maneira gratuíta entre os asistentes.
A partir das 18.00 horas, os nenos e nenas poderán compartir un momento co Apalpador e Papá Noel, que se achegarán ao mercadiño para participar na celebración e recibir os máis pequenos.
A oferta gastronómica tamén terá presenza durante a xornada. As persoas asistentes poderán degustar as filloas elaboradas polas Fiolleiras de Muimenta e os produtos da Churrería Iglesias. Ademais, o Motoclub A Cadeira encargarase de atender o servizo de bar durante todo o día.
O desenvolvemento desta edición contará coa implicación de diferentes colectivos locais, entre eles o Motoclub A Cadeira e a Asociación Cultural O Veiguello. Desde o Concello destacan a importancia da colaboración do tecido asociativo para impulsar iniciativas que fomenten a convivencia e a participación veciñal.
O Mercadiño de Nadal converterase así nunha oportunidade para apoiar os produtos de proximidade, coñecer o traballo dos artesáns e desfrutar dunha xornada de actividades culturais e de entretemento. O Concello anima tanto á veciñanza de Trabada como ás persoas dos municipios próximos a achegarse o 19 de decembro á Praza do Concello.