Trabada pon en servizo unha nova fonte pública na parroquia da Vilapena

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, visitou este martes xunto ao concelleiro Pablo a nova fonte pública instalada na parroquia da Vilapena, unha actuación que xa está a disposición da veciñanza e que permite aproveitar un recurso básico como é a auga. A intervención responde á vontade do goberno municipal de mellorar os servizos e infraestruturas no rural, atendendo ás necesidades cotiás da poboación.
Durante a visita, o rexedor destacou a importancia de contar con puntos de abastecemento de auga accesibles e en bo estado, subliñando que esta nova fonte contribúe a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da parroquia. Trátase dunha actuación sinxela, pero moi demandada, que permite poñer en valor un recurso esencial e de uso habitual.
Aproveitando o encontro coa veciñanza, o alcalde anunciou tamén novas actuacións previstas para os vindeiros meses na Vilapena, centradas na mellora do teleclub parroquial. O proxecto contempla unha reforma integral do edificio, con intervencións tanto no interior como no exterior, co obxectivo de modernizar as instalacións e adaptalas ás necesidades actuais. O teleclub é un espazo moi utilizado ao longo de todo o ano, polo que o Concello considera prioritaria a súa posta a punto.
Desde o goberno local sinalan que estas actuacións forman parte dunha liña de traballo continuada orientada á mellora dos espazos públicos e á dinamización da vida social nas parroquias. Neste senso, o Concello de Trabada continúa a elaborar novos proxectos que se irán desenvolvendo progresivamente en todas as parroquias do municipio, co propósito de garantir servizos de calidade e un desenvolvemento equilibrado do territorio.