Trabada pide aclarar con urxencia as bonificacións eléctricas do programa Mondigo Beneficia

AMariñaXa
O alcalde trasladou as súas dúbidas á Xunta, Recursos de Galicia e Máis Enerxía Galega ante as diferentes condicións comunicadas á veciñanza
Mondigo-Beneficia-parque-eolico-Trabada
28 Sep 2026

O Concello de Trabada solicitou unha reunión con carácter urxente para coñecer con detalle o funcionamento das bonificacións na factura eléctrica vinculadas ao programa Mondigo Beneficia, ante as dúbidas trasladadas por varias persoas veciñas sobre as condicións para acceder aos descontos.

O alcalde, Rubén García Freije, remitiu escritos á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a Recursos de Galicia e á comercializadora Máis Enerxía Galega para pedir información precisa sobre o procedemento. Segundo os datos trasladados ao Concello, esta última sería a única comercializadora que manifestou a súa disposición a adherirse ao programa de descontos asociado ao parque eólico.

A petición municipal prodúcese despois de que varios veciños comunicaran as condicións que lles estaría trasladando individualmente a comercializadora. Segundo explica o Concello, algúns destes aspectos non coincidirían coa información facilitada inicialmente por Recursos de Galicia sobre o funcionamento das bonificacións.

Ante esta situación, o goberno local quere coñecer exactamente como se aplicarán os descontos, que trámites deberán realizar as persoas beneficiarias e de que maneira se reflectirá a bonificación nas facturas eléctricas.

Outro dos puntos que pretende aclarar é que empresas comercializadoras están adheridas ao programa e se as persoas beneficiarias poderán escoller entre diferentes alternativas de contratación para acceder aos descontos. O Concello tamén pide concretar o papel das comercializadoras na atención ás familias e establecer vías de coordinación coa Administración local para garantir que a información chegue correctamente á veciñanza.

"Preocúpanos que a veciñanza estea a recibir unhas condicións que non coinciden co que no seu día nos trasladou Recursos de Galicia", sinalou García Freije, que reclamou aclarar as posibles discrepancias.

O alcalde defendeu igualmente a necesidade de ofrecer "transparencia e unha explicación detallada do procedemento" para evitar que ningunha persoa beneficiaria deixe de acceder ás bonificacións por descoñecer os trámites ou recibir indicacións contraditorias.

O Concello queda agora á espera dunha resposta das entidades ás que trasladou a solicitude e da fixación dunha data para celebrar a reunión coa maior brevidade posible.

0.16629505157471