Trabada pecha os campamentos de verán con máis de 50 participantes e mantén os programas de conciliación

Trabada pon fin aos seus campamentos infantil e xuvenil despois de dous meses de actividades nos que participaron máis de 50 nenos, nenas e adolescentes. As propostas permitiron combinar durante o período estival o lecer e a convivencia cun recurso destinado a facilitar a organización diaria das familias.
Co remate das vacacións, os campamentos despídense ata unha nova edición, pero os servizos municipais de conciliación terán continuidade coa chegada do curso escolar. O Concello manterá diferentes programas dirixidos a cubrir as necesidades das familias ao longo do ano.
Entre eles figura o programa Madrugadores, pensado para facilitar a conciliación antes do inicio da xornada lectiva, así como Ludiseráns e o Punto de Atención á Infancia (PAI).
A combinación destes recursos permite ofrecer alternativas de atención e conciliación para diferentes idades. Durante o curso, os servizos municipais abarcan desde bebés de tres meses ata menores de 12 anos, mentres que os campamentos xuvenís amplían a cobertura durante o verán ata os 18 anos.
"Seguimos traballando para que as familias de Trabada conten con servizos públicos que lles axuden no seu día a día e faciliten a conciliación", sinala o alcalde, Rubén García.
Desde o Concello tamén agradeceron a participación e a confianza das familias nos campamentos desenvolvidos durante os últimos dous meses, así como o labor do persoal encargado de facer posible a programación estival.