Trabada organiza unha viaxe a Cantabria dentro do programa “Viaxa co Concello”

AMariñaXa
A iniciativa, prevista para setembro, inclúe visitas culturais, gastronomía e aloxamento nun hotel spa de catro estrelas
Concello-de-trabada-edificio-casa-consistorial
20 Aug 2025

O Concello de Trabada vén de presentar unha nova edición do programa “Viaxa co Concello”, que este ano terá lugar os días 19, 20 e 21 de setembro cunha escapada a Cantabria. Durante a estadía, os participantes poderán coñecer lugares de referencia como a Cueva El Soplao, Comillas, Santillana del Mar, Torrelavega, Santander ou Cangas de Onís.

O prezo da actividade, fixado en 195 euros por persoa, inclúe seguro, transporte en autobús, dúas noites de aloxamento en habitación dobre nun hotel spa de 4 estrelas, así como visitas culturais, entradas e un completo programa gastronómico con comidas e ceas en diferentes localidades.

Entre os atractivos destacados figuran a visita á Cueva El Soplao, o coñecido Capricho de Gaudí en Comillas e o Museo da Tortura en Santillana del Mar. Ademais, a programación contempla paradas gastronómicas en lugares como Cabezón de la Sal, Santillana e Cangas de Onís.

O alcalde de Trabada, Rubén García, explicou que con este proxecto “pretendemos ofrecerlles aos nosos veciños e veciñas a posibilidade de descubrir distintos recunchos do noso país gozando de todas as comodidades, cun itinerario organizado de xeito que só teñan que preocuparse de desfrutar. É tamén unha oportunidade para favorecer a convivencia, ao tempo que se pon en valor o patrimonio cultural e turístico”.

As prazas son limitadas e están reservadas inicialmente para persoas maiores de idade empadroadas no municipio. O prazo de inscrición e pago permanecerá aberto nas oficinas municipais ata o 4 de setembro. Se quedasen prazas dispoñibles, abrirase a opción a non residentes que teñan familiares en Trabada.

Desde o Concello faise un chamamento á veciñanza para participar nesta proposta que combina turismo, cultura e convivencia nun marco organizado e seguro.

⚙ Configurar cookies
0.16591000556946