Trabada opta a unha subvención para crear unha área de autocaravanas no complexo deportivo

AMariñaXa
O proxecto, cun investimento próximo aos 30.000 euros, busca reforzar a oferta turística e completar os servizos xa existentes no municipio
trabada-subvencion-area-autocaravanas
17 Mar 2026

O Concello de Trabada vén de presentar unha solicitude á Axencia de Turismo de Galicia para optar a unha subvención destinada á creación dunha área de autocaravanas no complexo deportivo municipal, unha iniciativa coa que pretende ampliar a oferta turística local e mellorar os servizos dispoñibles.

A proposta, cun orzamento estimado de arredor de 30.000 euros, encádrase nunha liña de axudas orientada á creación e mellora de infraestruturas vinculadas ao turismo. Desde o goberno local subliñan que a tramitación da solicitude se realizou de maneira inmediata, ao tratarse dun procedemento baseado na orde de entrada, chegando a rexistrarse apenas un minuto despois da apertura do prazo.

De materializarse, esta actuación permitiría consolidar o complexo deportivo de Trabada como un espazo de referencia dentro do municipio, sumando novos servizos a unhas instalacións que nos últimos anos experimentaron unha importante transformación.

Na actualidade, este recinto conta con pista de pádel, pista multideporte, tirolina infantil, campo de bolos tradicionais, circuíto de pump track e unha área de descanso equipada con pérgolas de cuberta vexetal, elementos que xa atraen a numerosos usuarios e visitantes.

A futura área de autocaravanas estaría integrada neste conxunto, aproveitando infraestruturas xa existentes como os aseos e as duchas, e incorporando ademais servizos específicos para este tipo de turismo. Entre eles figuran unha zona habilitada para o baleirado de augas negras e grises, así como puntos de conexión eléctrica individualizados para cada praza.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que esta iniciativa responde á vontade do Concello de continuar mellorando os espazos públicos e potenciar o atractivo turístico da localidade. Segundo indicou, o obxectivo é aproveitar os recursos dispoñibles e ampliar a oferta de servizos para atraer visitantes e contribuír á dinamización económica do municipio.

0.12151193618774